Como se pode negociar co Partido Popular?

Avatar Redondela
Avatar Redondela

“Débese ser consciente que parte das boas cifras que presenta esta liquidación veñen motivadas polo recoñecemento da regularización catastral que se contabilizou este ano e que se pode cifrar en 1.199.544,02 €. Débese ser consciente de que ese é un importe que non vai a existir en anos posteriores”

Transcrición do informe do interventor do Concello de Redondela, sobre a liquidación do orzamento do ano 2017

Como se pode negociar co Partido Popular?

 As “autogabanzas” que se lanzan Javier Bas e os seus, baséanse nunha revisión catastral inxusta, que afectou a centos de vivendas, en moitos casos pode cualificarse de auténtico atraco.

Coa proposta de reinversión de remanente do ano 2017, por importe de 1.600.000€, non ía desaproveitar a ocasión o alcalde, para vender a súa xestión económico-política como inmellorábel. Nada máis lonxe da realidade, posto que non existe Proxecto, carece de Estratexias, renuncia a establecer Liñas Mestras no desenvolvemento de Redondela. Ao único que xoga o Partido Popular, é a comprar as máximas vontades posíbeis, e iso inclúe a tentalo cos grupos da oposición.

A renovación do Campo de Fútbol da Gándara, converteuse nunha das bazas de Javier Bas. Non houbo nunca, e tampouco agora, interese en renovalo, posto que o acordo coa Comunidade de Montes, propietaria dos terreos, non se produciu ata hai pouco máis dun mes. Agora establece a renovación en dúas fases, cando podería asumilo nunha única partida.

Na xustificación do acordo entre o PP e AER apelouse a que moitas demandas, tiñan un respaldo veciñal. Algunhas delas si, mais as melloras da Casa da Cultura (en todo caso antiga Escola) do Viso, ou mesmo parques en escolas infantís, carecen do respaldo dos Consellos Parroquiais. No de Chapela non se ten falado da renovación de luminarias en Cubillón, ou do Parque Infantil en Piñeiral do Crego. Nembargantes o parque para o colexio Outeiro das Penas, que si pasou por este órgano veciñal, foi ignorado.

Descoñécese como se vai xestionar o Colexio de Trasmañó. Desfáise o goberno municipal dun lastre, supoñemos que responsabilizando no futuro aos colectivos da parroquia do que poida acontecer. Todo quedará recollido nas actas plenarias.

Por outra banda, da proposta inicial  de Javier Bas, eliminouse a compra de terreos lindantes para a ampliación da ponte sobre o ferrocarril en Casaldomonte (Saxamonde). En ningún momento falouse de trasladar Servizos Sociais, unha demanda de primeirísima necesidade. O saneamento leva 0€, reivindicación defendida no Pleno polo concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González

Fachendea o goberno do PP en Redondela, de transparencia, agora que se ve obrigado a contar cos votos da oposición. Hai poucas semanas que prantexaron as propostas do Plan Concellos, e nin unha soa demanda aos mesmos grupos, polo menos ao BNG.

Se sumamos Plan Concellos da Deputación e Remanente, chegamos a preto de 2.800.000€, que deberían cubrir grande parte das prioridades que a veciñanza redondelá está a demandar. Como xa se dixo para o BNG, traslado de Servizos Sociais, e aumentar o saneamento nas parroquias.

Por outra banda, se nos fixamos minimamente en onde gastou o Concello os cartos durante o 2017, non podemos máis que “sentir vergoña allea”, en partidas que non se gastaron:

Emerxencia social, dos 50.000€ orzamentados só se apoiou con 17.000€; Convenio Interparroquial de 36.000, só se distribuíron 30.000; Programas de Apoio á Inclusión Social, de 17.000€ orzamentados, gastáronse 0 euros; Actuacións Medioambientais con 50.000€ orzamentados, únicamente invertiron 6.000; e Orzamentos Participativos (programa estrela) aforraron 27.000 dos 180.000€ previstos que se ían gastar.

Hai partidas pola contra que se esgotaron, e mesmo houbo que buscar noutras para sufragar como en Turismo (publicidade), cun déficit de 7.600, orzamento inicial de 35.800;  Cultura (publicidade) cun orzamento de 22.500, necesitou outros 23.600€.