A verdadeira rebeldía: usar e defender o galego.

A verdadeira rebeldía: usar e defender o galego.

Darlle a confianza ao Partido Popular para, entre outras cousas, defender ou dignificar o idioma galego soamente os crédulos pódeno facer. En Redondela, como no resto de Galiza, que un goberno de dereitas, traballe dende a institución local para dignificar o idioma é unha aposta arriscada.

Domingo 8 de febreiro, convocado pola Plataforma Queremos Galego, integrada por máis de 600 asociacións e colectivos, convocou a unha nova mobilización para berrar ben alto, que aínda somos moitos os que consideramos o idioma galego o primeiro. Que somos moitos os que queremos que o noso idioma se empregue na administración de xustiza, na publicidade que recibimos nas nosas casas, na dobraxe das películas que vemos, ou que aos nosos fillos se lles eduque no noso idioma nai.

Os recentes dados sobre uso do galego, son preocupantes. O goberno do PP, dende Feijóo ata Javier Bas, soamente promocionaron o desprestixio e o desuso do noso idioma. Ben e certo que se trata dunha tendencia iniciada hai décadas, mais a diminución de recursos públicos para a normalización do galego, estanos a levar a unha auténtica situación de crise lingüística.

Moitos cidadáns, hoxe en día, séntese atraídos por opcións denominadas de progreso. Estas opcións seguen tendo unha visión do galego moi secundaria. Consideran que “se a sociedade non o demanda, non ten porque ser prioritaria a súa defensa e posta en valor”. Mesmo, en ocasións, defínense “cidadáns do mundo”, apostando antes polo coñecemento do foráneo, que de defensa do propio.

A manifestación de Queremos Galego, converteuse nunha nova mostra da dignidade dun País, que o único que pide é poder expresarse libremente no seu idioma. O clamor de vinte mil gorxas bateu nas pedras da Quintana.

En Redondela, os usos do idioma en ámbitos máis normalizados, están perdendo presenza. A cada vez, son menos os mozos e mozas que o empregan de xeito habitual, non só na Vila. Tamén redúcese o número de cativos que son educados polos seus pais e nais no noso idioma.

Dende o BNG, nunha próxima volta ao goberno municipal, imos seguir traballando para dignificar o noso idioma. Ademais de facer cumprir a ordenanza de uso do galego, poñeremos en valor o Servizo de Normalización Lingüística, a quen o goberno de Javier Bas, unicamente ten reducido a xestor de actividades culturais. Cómpre un traballo coordinado con todos os sectores sociais do noso concello.

O galego, o noso idioma, a súa posta en valor e a súa dignificación, vai ser un dos eixos sobre os que se vai fundamentar o traballo dun goberno de progreso, que o BNG pretende liderar a partires de maio.

P1050006

A verdadeira rebeldía: usar e defender o galego.