Imprimir

O BNG aprecia “irregularidades” na suba de 36.000€ a Urbaser.

bngredondela | 27 de Septembro de 2018

Traballos de retirada de contedores  en Redondela.
Traballos de retirada de contedores en Redondela.

A proposta do alcalde de Redondela de modificación do contrato do lixo asinado con URBASER, para asumir os sobrecustos da recollida dos contedores no centro da Vila, “prantexa numerosas lagoas”, segundo a organización nacionalista. “Preténdese que apoiemos unha suba de 36.000€ anuais no pago á concesionaria, cando non consideramos indispensábel este servizo”, considera o voceiro municipal do BNG, Xoán Carlos González.

Dende o mes de marzo, por acordo do alcalde de Redondela Javier Bas e a empresa recolléronse e repuxéronse diariamente os contedores das rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín.  Durante mes e medio, a empresa prestou o servizo sen cargarlle facturación ao Concello. “Sorprendeunos que no mes de setembro se publicitase a contratación do servizo por un total de 15.175,77€, para pagar as facturas dende maio, unha vez que se remataba o denominado período de probas”, afirma o edil nacionalista. Considera irregular a adxudicación posto que non se lle deu a debida publicidade, ademais de non solicitar varios orzamentos, co fin de garantir un aforro ao Concello.

No Pleno de setembro, segundo proposta da alcaldía preténdese a modificación do contrato de recollida do lixo, para facer o mesmo servizo a razón de 36.000€ anuais. “Unha proposta que carece de lóxica e sentido, posto que terá que ser toda a veciñanza quen teña que asumir este sobrecusto. Rexeitamos a xustificación que nos diversos informes elaborados dende o goberno municipal pretenden convencernos”, valora Xoán Carlos González.

“Consideramos que o proceso desta proposta está viciado con numerosas irregularidades, polo que remitiremos aos servizos xurídicos do BNG dito contrato. Non vai contar o goberno de Redondela co noso apoio, posto que non se vela polos intereses da veciñanza”, anuncia o voceiro nacionalista.

Xoán Carlos González cualifica de “nefasta” a xestión de Javier Bas e o seu goberno coas concesionarias . “Se de verdade pretende defender os intereses dos e das redondeláns, debe facer un maior seguemento á concesionaria da recollida do lixo, pois está prestando un servizo que vaise deteriorando paseniñamente”. Aposta por unha volta do BNG ao goberno de Redondela, para exercer un maior control sobre as concesionarias, e mesmo afrontar a remunicipalización de servizos”.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/novas/bng-aprecia-irregularidades-suba-36000e-urbaser/20180927200928002467.html


© 2018 Bloque Nacionalista Galego de Redondela

Bloque Nacionalista Galego

Avda. Rodríguez de Viguri, 16 baixo
15703 Santiago de Compostela (GALIZA)
Teléfono: +34981555850
Correo: sedenacional@bng.gal