MOCION DO BNG SOBRE A RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA E DE CONDENA DA DITADURA FRANQUISTA

O concelleiro do BNG de Redondela X. Carlos González presentando a moción no rexistro.
MOCION DO BNG SOBRE A RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA E DE CONDENA DA DITADURA FRANQUISTA

 

PROPOSTA DE ACORDO

O luns 18 de xullo de 2016 cumpríronse 80 anos do golpe de Estado militar contra o rexime democratico vixente no Estado español. Un levantamento militar que en Galiza foi orixe dunha cruenta e brutal represión ao longo dos anos da guerra e durante todo o período da Ditadura franquista.

A represión foi especialmente violenta nos anos da guerra e materializouse en Galiza no asasinato de máis de 5.000 persoas e noutras múltiples formas de violencia física: encarceramentos masivos, violacións, malleiras, rapado do cabelo, inxesta de aceite de ricino. Unha represión que se exerceu con caracteres especialmente violentos e machista no caso das mulleres.

Nos anos da guerra e ao longo de toda a Ditadura franquista, a represión tivo outras múltiples manifestacións: depuración laboral, sancións económicas, expolio de bens, persecución ideolóxica, acoso psicolóxico, exclusión social, etc. A imposición violenta da ideoloxía, da moral, da educación e dos valores franquistas afectou a toda a

sociedade e os seus efectos prolongáronse no tempo máis alá de 1975.

O exercicio da memoria histórica, o coñecemento da verdade, a xustiza, a reparación e rehabilitación das persoas perseguidas polo fascismo, son dereitos humanos fundamentais que temos como sociedade e obrigas que adquirimos coas vítimas e as súas familias.

Malia ter transcorrido xa máis de 40 anos do final da Ditadura e da restauración do

rexime democrático, o Estado español carece dunha auténtica política pública da memoria que permita o coñecemento da verdade histórica, a reparación e rehabilitación das vítimas, o exercicio da xustiza e a superación da fenda e das feridas físicas e morais causadas polo levantamento militar e a Ditadura. Así aparece recollido no informe do relator da ONU para os dereitos humanos, Pablo de Greiff, que pon de manifesto as eivas, carencias e obrigas do Estado español en relación con esta materia.

As institucións públicas deben ter un posicionamento claro de condena do golpe de Estado do 36, da ditadura franquista e da brutal represión que sufriron miles de galegos e galegas ao longo dese terribel período histórico. O 80 aniversario do inicio da represión constitúe unha boa oportunidade para expresar o compromiso cos valores democráticos e a condena da Ditadura franquista.

No caso concreto de Redondela, a restaruación da memoria histórica adquire maior relevanza. Moitos dos fillos e fillas do noso concello, foron paseados, represaliados, perseguidos, e mesmo marxinados socialmente, polo único delito de defender a democracia.

Cómpre igualmente recuperar o importante labor desenvolvido por ducias de mulleres redondelás, que de xeito desinteresado colaboraron en mitigar as inhumanas condicións nas que vivían os presos de A Illa de San Simón

Hai unha década, recoñecéuselle a San Simón, un destacado papel de recuperación da memoria histórica como Illa da Memoria. Este espazo, foi destinado polos dirixentes franquistas como campo de concentración entre os anos 1936 e 1943.

É por iso que o Concello de Redondela, adopta os seguintes

ACORDOS

1. O Concello de Redondela expresa a súa condena do golpe de estado militar de 1936 e da Ditadura franquista.

2. O Concello de Redondela promoverá ao longo do ano 2016 diversos actos de recoñecemento do labor das mulleres que colaboraron na mellora das condicións de vida dos presos de a Illa de San Simón.

3. O Concello de Redondela acorda a eliminación, supresión ou anulación dos acordos, distincións e símbolos que reflictan a adhesión e colaboración da institución coa Ditadura.

4. O Concello de Redondela, insta á Xunta de Galiza, á recuperación da Illa de San Simón, como Illa da Memoria.

Asdo. Xoán Carlos González Campo

Redondela 18 de xullo de 2016

Á ATENCIÓN DO ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE REDONDELA

O concelleiro do BNG de Redondela X. Carlos González presentando a moción no rexistro.

MOCION DO BNG SOBRE A RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA E DE CONDENA DA DITADURA FRANQUISTA