ACTO SOBRE AS PREFERENTES E SUBORDINADAS

ACTO SOBRE AS PREFERENTES E SUBORDINADAS

Toda a historia da estafa ao aforro perpetrada polas entidades bancarias coa emisión e venda de participacións preferentes e subordinadas a pequenos aforradores demostra sen lugar a dúbidas a falta de ética tanto dos directivos bancarios como do goberno que propiciou esta situación coa aprobación de lexislación excesivamente permisiva coas actividades especulativas.

Desde o BNG vimos facendo un seguimento permanente ao problema que están a sufrir moitas persoas que ven como os seus aforros de toda unha vida son espoliados polas mesmas entidades que veñen de recibir axudas millonarias por parte do goberno.

As últimas novas falan, coa frialdade que dan os números, de estabelecer quitas nunha importantísima porcentaxe, e de devolver o resto aos seus donos en forma de bonos. Deberiamos comezar por chamar as cousas polo seu nome: os bancos que se comprometeron a devolver os seus aforros ás persoas que confiaron neles, róubanlles grande parte do seu capital e o resto cámbianllo por papeis de escaso valor (como se demostrou esta semana coa caída das accións de Bankia, poñamos por exemplo).

O próximo martes 28 de maio, ás 20:00h., na Casa da cultura de Redondela, celebraremos un acto informativo para coñecer de primeira man as últimas novidades acerca de todo este escándalo, para o cal contaremos coa presenza de Clodomiro Montero, responsábel da CIG-Banca, e coa de Carlos Igrexas en representación da plataforma de afectados polas preferentes e subordinadas de Redondela.

Esperamos que as persoas que asistan ao acto poidan informarse da situación da que probabelmente sexa a estafa máis grande da historia do noso país.

ACTO SOBRE AS PREFERENTES E SUBORDINADAS