Alta participación de diversos colectivos redondelás, no encontro con Ana Pontón.
Non foi unha casualidade a elección de Meirande como entorno elixido para esta xuntanza. O actual museo, foi en tempos unha conserveira chamada do “Alemán” onde ducias de mulleres traballaron en duras condicións, para sacar adiante as economías familiares.
Pretendeuse dende o BNG, un recoñecemento e respecto, por todas aquelas que alí traballaron. Onde daquela, as mulleres traballaban sen practicamente ningún tipo de dereitos, hoxe fálase de liberdade, de equiparación, de xustiza.
Décadas despois, e tal como se comentou nalgún dos relatorios, continúan a manterse moitas das diferenzas que caracterizan ás asalariadas, tamén en Redondela. Indignámonos ante auténticas persecucións nalgunha das factorías de maior relevancia do concello, unicamente polo feito de prantexar dereitos laborais especialmente para as mulleres.
A propia concepción de “secundaria e feminina” dunha actividade de tanta relevanza, como o marisqueo, tamén se fixo escoitar no encontro. Mantense, como noutras actividades económicas, que se trata dun sector, de menor relevanza que o marisqueo en barco, ou a pesca, predominantemente masculino.
Muller, nova, con formación universitaria, sen expectativas laborais na súa titulación, que teñen que precarizarse en postos feminizados, en duras condicións laborais, onde os postos de coordinación ou dirección están reservados para os homes Deste xeito, a compañeira Jesica García, definiu a súa propia situación, mais a de centos de mozas, que como ningún outro sector está sufrindo os efectos de crise, da discriminación por razón de xénero. Ou iso, ou emigrar.
Dende o movemento feminista redondelá, tamén se quixo compartir este encontro en Meirande. Expoñendo a súa opinión sobre a situación das mulleres, mais poñendo como bandeira a mobilización, en todos os seus frentes, para cambiar o modelo imposto polo patriarcado.
A xornada desenvolveuse nun ton reivindicativo, de solidariedade, e de compromiso por seguir dando a cara por aquelas, que están, e polas que teñen verdadeiros atrancos para poder expresarse con liberdade. Satisfacción pois, dende o BNG de Redondela, de que este encontro de mulleres permitira compartirmos aspiracións mutuas, e compromisos futuros.