O BNG acusa ao goberno de Javier Bas de falta de proxecto para Redondela .
As propostas no caso da escola infantil de Chapela, un exemplo de improvisación.
As declaracións verquidas nas últimas semanas por responsábeis municipais sobre o futuro da escola infantil de Chapela certifican o que o Bloque Nacionalista Galego xa sabe: a falla total de Proxecto para o concello de Redondela do Partido Popular.
Cuestionan dende a organización nacionalista o xeito de proceder do goberno de Javier Bas. Nun primeiro momento anuncian a bombo e pratiño, o grande éxito de conseguir 600.000 mil euros para a dotación dunha gardería. Pretendía ubicarse nos baixos do colexio de Angorén, que xa de por si está sobresaturado, co que outra vez máis o PP ataca a calidade do ensino público.
Foi a actuación rápida e lóxica de axentes sociais de Chapela a que fixo que o goberno municipal dese un paso atrás, destacando o labor do equipo directivo do Alexandre Bóveda. Unha mostra clara que o principal era o anuncio, non a calidade que se ía prestar nesta escola infantil.
A nova proposta do equipo de goberno de que dita escola infantil se ubicase en Trasmañó, tamén é cuestionada dende o BNG. Por iniciativa desta organización, incluíuse unha partida de 600.000 euros no Plan Marisma +, para a construción dun Centro de Día para Maiores. Esta nova dotación de carácter social, encaixa perfectamente nunha rede de servizos socias en Redondela, complementada co centro de Día de Cesantes. Consistía en dar resposta á demanda e a necesidade desta infraestrutura.
Dende o BNG chama a atención que hai tres anos a consellaría pechou o colexio por falta de matrícula, e agora o goberno de Javier Bas propón volver abrir unha escola infantil.
Para o BNG, as dinámicas de un e outro colectivo (persoas maiores e cativ@s, e as súas familias) son totalmente distintas polo que a ubicación do Centro de Día en Trasmañó, é a ideal.
Finalmente consideran que a escola infantil en Chapela, a parroquia máis poboada do municipio, cun importante número de pequenos, como para cubrir a demanda desta infraestrutura, debe ubicarse noutro espazo da parroquia.