O BNG califica de “pouco ambiciosa” a rehabilitación no Cruceiro da Raíña de Cedeira
“ A rehabilitación do Conxunto debe protexer o entorno do cruceiro e por en valor o lavadeiro” afirma o voceiro nacionalista Xoán Carlos González.
06 maio 2024 - 10:30
As recentes obras de “recuperación” do cruceiro da Raíña e o Peto de Ánimas, son cuestionados dende o Bloque Nacionalista Galego polo seu resultado final. As intervencións supuxeron unha limpeza do Cruceiro, o Peto de Ánimas, instalar baldosas no chan do entorno da fonte, recuperar o balado encintándoo, e instalar uns bancos de pedra.
Para o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González “desaprovéitase unha oportunidade de poñer en valor un conxunto patrimonial dos máis singulares do concello de Redondela”. Conformado pola Fonte, O Cruceiro, O Peto de Ánimas e o Lavadoiro e que constitúen un espazo que debería “levar aparellada unha modificación máis ambiciosa”.
Unha das actuacións consistíu en substituír unha mesa e bancos de pedra por uns bancos “que moi pouco teñen a ver co entorno, e o balado o modelo de lousa empregado.
Este último elemento, o Lavadeiro constitúe a xuízo do voceiro do BNG un dos elementos que menos se pón en valor. “Trátase dunha peza representativa do patrimonio civil, onde varias xeracións de mulleres pasaron duras horas de traballo no lavado da roupa”. A xuízo do nacionalista o teito debería ser eliminado ou cambiado por outro máis acorde con Conxunto, para proceder a unha limpeza e recuperar os vasos de cantería.
Mais a preocupación de Xoán Carlos González polo resultado final da obra céntrase a situación na que queda o Cruceiro da Raíña. “Non se elimina o asfalto que tapou parte do basamento, e non se delimita esta área para evitar que os vehículos manobren ao seu carón”.
Segundo considera o edil do BNG “dá a impresión que se xustifica a subvención para o Cruceiro e Peto de Ánimas, intervindo máis noutros elementos máis rechamantes como o enlousado”.
Afirma que se perdeu a oportunidade dunha “verdadeira recuperación do Conxunto Patrimonial e Etnográfico da Raíña en Cedeira. Levamos anos reclamando que neste entorno singular deben realizarse actuacións para preservalo” Para o edil nacionalista “non renunciamos a seguir presentando iniciativas para que este entorno cultural cobre o protagonismo que merece”.