O BNG exixe a inmediata convocatoria das subvencións ás Traídas de Auga.
“Demandamos que se duplique o orzamento con estas entidades que levan auga potábel a numerosas parroquias”, Xoán Carlos González voceiro nacionalista.
13 maio 2024 - 09:53
Iniciado xa o mes de maio e nada se sabe das axudas económicas que as Traídas de Auga van recibir por parte do goberno municipal de Redondela. Por este motivo dende o Bloque Nacionalista Galego, instan “á inmediata convocatoria de subvencións do ano 2024”. A viabilidade destas entidades veciñais depende en grande medida desta colaboración.
Pola súa parte o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González plantexa subir dos trinta mil ata os sesenta mil euros o orzamento para esta convocatoria, “co que se daría resposta ás numerosas necesidades que plantexan as Traídas”. Estas entidades asumen a importante responsabilidade de subministrar auga a centos de vivendas nas parroquias de Redondela. “Cada ano a situación complícaselle máis, co que a aportación do concello debe duplicarse”, afirma.
Recorda o edil do BNG, que en febreiro do ano pasado en periodo preelectoral, xa se publicaran esta axudas. “A día de hoxe, en pleno mes de maio nada se sabe, o que deixa ben claro que Digna Rivas empregounas con fins electoralistas”. Considera que o goberno municipal debe ter entre as súas prioridades colaborar económicamente para dar resposta ás súas necesidades e garantir o futuro das Traídas.
Estas entidades, xestionadas democráticamente, encárganse dende hai décadas da construción das captacións e infraestruturas para suministrar de auga apta para o consumo en numerosas parroquias. Ademais do mantemento e control do consumo, deben asumir numerosos trámites burocráticos. “ A xestión medioambiental tamén é unha prioridade das Traídas posto que principalmente no verán realízase un exhaustivo control do consumo de auga”, recorda finalmente.