O BNG considera a constitución dos Consellos Parroquiais, unha auténtica chapuza do goberno de Bas
Para a nosa organización, a conformación dos mesmos non ten nada que ver co aprobado inicialmente.
No Pleno da Corporación de outubro de 2011, a través da concelleira de Participación Cidadá, Erminda Quelle, o goberno municipal propuxo a creación de nove Consellos Parroquiais: Cabeiro, Cesantes, Cedeira, Negros, Quintela, Saxamonde, Trasmañó, Ventosela e Vilar, amparándose no Regulamento dos Consellos Parroquiais. En contra do criterio defendido pola organización nacionalista, pretendeuse botalos a andar sen ter feito un traballo previo con asociacións e colectivos parroquiais.
Pasou ano e medio dende dito Pleno, e para o Grupo Municipal do BNG certifícase unha vez máis que o goberno de Javier Bas pretendía unicamente cubrir o expediente. Segundo palabras dos nosos representantes no concello, foi tempo suficiente para poñer en marcha ditos Consellos e dinamizar a actividade parroquial por medio dos colectivos e asociacións.
Constitucións irregulares
Tal e como expresara no propio Pleno a voceira nacionalista Cecília Pérez, o BNG non vai a apoiar esta fórmula dos Consellos Parroquiais por decreto. Cómpre primeiramente un traballo de formación e concienciación para que xurda dende o propio movemento asociativo a necesidade de constituílos e se valore positivamente o papel do propio Consello na vida municipal. Nese mesmo Pleno, advertiuse que cumpría unha adaptación da normativa dos Consellos á propia dinámica parroquial.
Facendo ouvidos xordos, e amosando un total desprezo por unha verdadeira participación veciñal a través dos Consellos Parroquiais, apostouse por manter o mesmo formato para todos. Mesmo naquelas parroquias onde non existen centros educativos contábase con representantes das ANPAs.
Os temores do BNG vense agora confirmados posto que o aprobado polo goberno de Javier Bas, e apoiado polo Partido Socialista e a Agrupación de Electores, pouco ou nada teñen que ver cos Consellos actualmente vixentes.
Como exemplo, o Consello Parroquial de Vilar, onde tanto as Asociacións deportivas como culturais pasaron de 1 a 2 membros cada unha; creouse unha nova representatividade de Festas e de Cemiterio con 1 cada un; ademais dos e das representantes dos grupos políticos. Un caso similar ao de Trasmañó, onde de 2 representantes de Asociacións Culturais pasouse a 3 ao igual que a representatividade da Comunidade de Montes; eliminouse a representante de ANPAs; dotándose cun membro o colectivo que traballa a prol da Muller.
Todas estas modificacións e axustes foron tomadas de xeito unilateral polo goberno municipal, sen contar cos grupos da oposición.
Cedeira, Cesantes e Saxamonde, os casos máis graves
A nefasta xestión levada a cabo polos responsábeis municipais obrigounos a levar a Pleno a modificación dos Consellos Parroquiais de Cedeira e Cesantes. No primeiro caso houbo que aumentar a representatividade das AA.VV e do Centro Cultural a 3; e de Augas a 2. En total 17 persoas conforman este Consello Parroquial.
No caso do Consello Parroquial de Cesantes a AA.VV. e Asociacións deportivas quédanse con 2 representantes; as Asociacións Culturais chegan a 4; créase a representatividade de colectivos vinculados co mar con 2; namentres que Comunidade de Montes e ANPA mantéñense con 1.
En canto ao Consello Parroquial de Saxamonde, a día de hoxe os mandatarios municipais non foron quen de poñelo en marcha.
Estes continuos cambios sen criterio, e mesmo sen informar á oposición de todo o procedemento, certifican a escasa ou nula vontade do goberno de Javier Bas pola participación activa das entidades e colectivos parroquiais na vida municipal.
A pesares de que non lles quedou máis remedio que rectificar na conformación dalgúns deles, o goberno municipal amosa un desprezo absoluto polo seu peso nas diferentes parroquias.
Dende o Bloque Nacionalista Galego sinalamos ao alcalde Javier Bas como principal responsábel deste proceso que consideramos de auténtica chapuza. A súa falla de criterio en canto ao papel do movemento asociativo na vida municipal leva a que o seu goberno teña aprobado algo que despois non cumpre.
O BNG avoga por reconducir a situación, volvendo a debatela en Pleno, para que queden formalmente constituídos os Consellos Parroquiais.