Os Consellos Parroquiais como modelo participativo dende a base.
A chegada no ano 99 do Bloque Nacionalista Galego ao goberno de Redondela, supuxo toda unha revolución na aposta por un concello participativo. Por vez primeira as asociacións e colectivos actuantes nas parroquias, disporían dun instrumento para seren tidas en conta na actividade municipal.
Non sen grandes reticencias por parte do Partido Socialista, déronse pasos en firme para que o movemento asociativo asumira maior protagonismo e responsabilidade. No organigrama do propio goberno, creouse a concellaría de Participación Cidadá, asumida daquela por Cecilia Pérez. Empezouse a traballar co movemento asociativo para constituír os Consellos Parroquiais. Paralelamente, elaborouse e aprobouse en maio de 2000 o Regulamento.
Froito desta intensa actividade, creáronse os Consellos Parroquiais de Chapela, Reboreda e O Viso. Nos anos seguintes continuouse dialogando coas diferentes entidades , co obxectivo de ir aumentando o número de Consellos. Como non podía ser doutro xeito, actuouse dende o respecto ás opinións e prantexamentos de colectivos e asociacións parroquiais, nunca dende a imposición por parte da Concellaría.
O Partido Popular sempre se amosou reticente a que os colectivos e asociacións acadaran este protagonismo na vida municipal, simplemente porque non conxuga co seu modelo político e social. Un modelo que pretende controlar e manipular, moitas veces con chantaxes e ameazas, calquera tipo de movemento cultural, veciñal ou social. Non acredita nun modelo participativo, que en moitas ocasións pode ser contestatario, en aras da defensa dos intereses colectivos.
A un goberno en minoría, como o de Javier Bas, non lle quedou outro remedio que manter, alomenos nas formas, a concellaría de Participación Cidadá. Tamén lle permitiu, manter nese difícil equilibrio de intereses do organigrama municipal, a Herminda Quelle como responsábel dalgunha área. O papel desempeñado pola responsábel do departamento en todo este proceso, pode considerarse como nulo.
A fórmula elixida na constitución dos Consellos Parroquiais polo goberno de Javier Bas, en absoluto obedeceu a un debate previo con asociacións e colectivos. Primeiro, co apoio do PSOE e de AER, constituíse por decreto o formato, e despois falouse cos verdadeiros protagonistas. O resultado final, un proceso calamitoso. Consellos que se teñen que volver a modificar, como nos casos de Cesantes e Cedeira. Consellos constituídos de xeito irregular, Vilar ou Trasmañó. Consellos, como no caso de Saxamonde, que non chegou a constituírse.
O Bloque Nacionalista Galego, rexeitou dende o primeiro momento esta fórmula impositiva de creación dos Consellos Parroquiais. Avogou por chegar ao acordo previo co movemento asociativo, para traballar con compromiso e responsabilidade polos intereses colectivos parroquiais.
O BNG vai a enfrontar a estratexia do Partido Popular para acabar cos verdadeiros órganos de representatividade. Vai seguir defendendo unha Redondela como concello participativo e democrático.