O BNG volve demandar a apertura do Centro de Día de Cesantes.
Celebramos un acto ás portas deste equipamento social, rematado hai dous anos.
Nun acto que contou coa presenza da deputada autonómica, Carme Adán e de representantes da AA.VV. de Cesantes, o Bloque Nacionalista Galego protagonizou un acto reivindicativo ás portas do Centro de Día de Cesantes.
A voceira municipal, Cecilia Pérez foi a encargada de denunciar unha vez máis a pasividade do goberno de Javier Bas para buscarlle unha solución á situación do Centro de Día de Cesantes. Trátase dun equipamento de carácter social, que hai xa dous anos que foi rematado, e que a día de hoxe non ten visos de ser aberto.
En varias ocasións o BNG instou ao alcalde a que puxera como obxectivo número un da súa axenda política a apertura do Centro de Día, continuou na súa exposición Cecilia Pérez.
Esta infraestrutura cubre unha dobre función que para a nosa organización é fundamental: trátase dun equipamento de carácter social, especialmente para as persoas maiores e as súas familias; e aposta realmente pola creación de emprego na nosa bisbarra, afirmou a voceira municipal.
O Centro de Día foi concibido como un centro que preste atención a 50 anciáns da bisbarra, con vinte prazas en réxime de residencia, e trinta en réxime de día. Calcúlase que crearía un número similar de postos de traballo.
Para rematar a súa intervención, Cecilia Pérez expresou a preocupación da súa organización porque o goberno de Javier Bas queira utilizar a inauguración do Centro de Día como propaganda electoral, feito que, de producirse, o BNG tamén denunciará.
Iniciativas parlamentares
Pola súa banda a deputada nacionalista, Carme Adán, continuou na mesma liña da voceira municipal. Afirmou que nin para o goberno municipal nin para o goberno de Feijoo os servizos sociais, os servizos de calidade para a xente, son unha prioridade.
Descoñece cales foron os motivos polos que os deputados e deputadas do Partido Popular votaron en contra da emenda presentada, un ano máis para a apertura deste Centro. Na iniciativa recollíase unha dotación de 300.000 euros con este fin.
Destacou Carme Adán que coa posta en marcha desta infraestrutura, solventaríase en parte a carencia que un concello como Redondela sufre neste tipo de prazas.
Finalmente fixo un pequeno relatorio das distintas iniciativas que xa o Grupo Parlamentar do BNG presentou nesta e na anterior lexislatura, comprometéndose a presentar novamente diversas iniciativas para arrincar o compromiso do goberno Feijoo co Centro de Día.
Representación veciñal
No acto que tivo lugar nas inmediacións do Centro de Día en Cesantes, participaron membros da AA.VV. de Cesantes, en representación da Federación de Asociacións Veciñais. Deixaron constancia igualmente da necesidade de que a presión conxunta das forzas políticas e sociais obrigue aos gobernos municipais e autonómico a poñer en marcha esta importante infraestrutura de carácter social tan demandada polos veciños e veciñas de Redondela.