Demandamos axudas para as Traídas de Auga
“O goberno de Javier Bas elude a súa responsabilidade ao non colaborar con esta entidades que aseguran o subministro á metade das vivendas do concello”, afirma o concelleiro Xoán Carlos González.
Nas parroquias de Redondela, as Comunidades de Auga encárganse practicamente de xestionar todo o ciclo da auga, dende as captacións, as conducións, o control do consumo, o mantemento, as altas de comuneiros e comuneiras... “Están a suplir nas parroquias unha responsabilidade que lle competiría ao Concello, polo que a colaboración económica é básica”, afirma o edil do BNG.
Moitas Comunidades de Auga están atravesando unha grave crise económica, ante a desidia do goberno municipal. Exemplifícao na Traída de Augas de Vilar de Infesta, onde hai varios meses anunciaron que practicamente carecían de fondos para asumir o mantemento. “A situación agravouse ao facer fronte ás numerosas roturas, máis de vinte, na Baixada aos Campos de Vilar. Un exemplo das prioridades do goberno de Javier Bas, asfaltando o vial, sen abordar unha renovación da condución, co que o paso de numerosos vehículos provocou as avarías”. Salienta igualmente o concelleiro do BNG, que a seca, e os continuos cortes de subministro deterioraron aínda máis as tuberías de condución en moitas Traídas de Auga, multiplicándose os gastos.
“O que fixo o goberno de Javier Bas non pode ter outro calificativo que trato discriminatorio, eliminando as subvencións de ata 30.000€ anuais, acusando á veciñanza de buscar auga máis barata que a municipal”, afirma.
“Reclamamos que o goberno de Javier Bas atenda as verdadeiras necesidades veciñais. Demandamos que restableza as axudas económicas ás Comunidades de Auga. Para o BNG, trátase dunha prioridade e un acto de xustiza o apoio ás Comunidades que lle están prestando o servizo dun ben básico e de calidade á metade da veciñanza de Redondela”, remata na súa nota o edil nacionalista.