O BNG explica en Reboreda os perxuízos dunha nova liña de alta tensión.
Xoán Carlos González “rexeitamos as afeccións e o impacto medioambiental nos nosos montes”.
14 out. 2024 - 21:46
O sábado 12 de outubro ás 12.30 do mediodía na Sociedade Labregocultural de Reboreda o Bloque Nacionalista Galego organiza un Acto Informativo. O motivo reside en trasladar á veciñanza toda a información da instalación dunha nova liña de alta tensión nos montes da parroquia. A intención é presentar alegacións para deter unha obra con enormes perxuízos medioambientais.
A ampliación do parque eólico de Fornelos de Montes en diversos proxectos afecta negativamente tanto a este concello como aos da Lama, Mondariz, Pazos de Borbén e Redondela. Estes dous últimos cunha “liña de derivación” de alta tensión.
O BNG suma este acto a outros encontros veciñais que se teñen desenvolvido polos concellos afectados. “Estamos en contra de que se volva a xogar co monte de Reboreda, neste caso cun novo tendido de alta tensión”, anuncia o voceiro do BNG Xoán Carlos González.
Segundo expresou, “trátase dunha liña que cruzará grande parte dos montes de Reboreda pola parte leste ata enlazar coa subestación de Nespereira, en Pazos de Borbén”. O Proxecto supón unha liña de alta tensión de ata dous quilómetros e medio de longo, máis de 45.000 m² de afeccións no que se instalarán ata doce torretas . Unha parte importante da obra suporá a construcción de 2.700m de accesos, con importantes afeccións medioambientais.
“Segundo o proxecto arredor de 60 propiedades vanse ver afectadas, pero serán os terreos da Comunidade de Montes de Reboreda os que reciban maior impacto”, alerta o edil nacionalista
Para poder presentar alegacións, o BNG organiza este acto “co que pretendemos informar a toda a veciñanza no só de Reboreda, tamén de quen queira defender o monte”. Considera imprescindíbel que a xente estea sensibilizada ante este Proxecto que pretende acabar cos montes de Fornelos, “que soamente servirá para encher os petos das compañías eléctricas”, remata na súa nota.