O BNG facilita a adhesión de Redondela ao transporte metropolitano.
Cecilia Pérez: Consideramos que se trata dun convenio moi mellorábel, que debe beneficiar aos veciños e veciñas, permitindo a mobilidade no transporte público.
No debate plenario celebrado o martes 27 de xaneiro, sobre a adhesión de Redondela ao convenio do transporte metropolitano da área de Vigo, a voceira nacionalista valorou a abstención do seu grupo, como un apoio moi condicionado á posta en marcha deste proxecto, que debe beneficiar ao conxunto de veciños e veciñas.
Presentou o Partido Popular este convenio como un éxito da súa xestión, máis que como un beneficio ao conxunto dos veciños e veciñas. A escenificación de celebrar un pleno extraordinario o mesmo día, e á mesma hora, en todos os concellos afectados, converteuse nun exercicio de propaganda política. Moito máis, cando nos atopamos ás portas dunhas eleccións municipais.
Redondela adquiriu un importante protagonismo en toda a conformación da posta en marcha do convenio. Non pola pretendida xestión do alcalde, Javier Bas, como se apuran a difundir dende o PP. En todo caso, o alcalde, exerceu máis de ariete en contra de Abel Caballero, que de verdadeiro defensor do transporte público e da mobilidade dos habitantes da área metropolitana.
Foi, nin máis nin menos, que a raíz das denuncias feitas pola AA.VV. de Chapela, alertando de que Caballero, pretendía eliminar as bonificacións no transporte a aqueles veciños e veciñas que non estaban empadroadas en Vigo, a que desencadeu todo o proceso de desenvolvemento do convenio.
A voceira do BNG, Cecilia Pérez, alertou de importantes carencias neste convenio, salientando que un medio de transporte tan relevante para Redondela como o ferroviario, non entrara no abaratamento do billete. Malia todo, a posta en marcha do transporte metropolitano, trátase dunha vella reivindicación do nacionalismo, como un recurso para facilitar a mobilidade de cidadáns da área metropolitana, o fomento do transporte público, e unha mellora da calidade ambiental, polo que non imos rexeitar a adhesión de Redondela a este convenio, destacou a voceira nacionalista.
Finalmente apuntou Cecilia Pérez, que trátase dun documento inicial, ao que o BNG vaille facer un especial seguimento, posto que existen moitos aspectos que se poden mellorar en beneficio dos veciños e veciñas de Redondela.