O BNG forza a elaboración do Manifesto Contra a Violencia de Xénero.
Cecilia Pérez: Non compartimos nin o fondo nin as formas dun texto de tanta relevancia en Redondela.
A última década ten sido decisivo o rexeitamento do conxunto da veciñanza redondelá, na loita contra o terrorismo da Violencia de Xénero. A concienciación social por medio da actividade desenvolvida dende a concellaría de igualdade, dirixida polo BNG, puxo a Redondela entre os concellos á cabeza na loita contra esta lacra.
A chegada ao goberno municipal do PP, supuxo un deterioro constante nas iniciativas municipais. Á súa responsábel, Teresa París, non lle quedou outra que manter unha certa actividade, máis froito do continuísmo, que dunha clara convicción.
No primeiro dos Plenos celebrados en novembro, foi aprobada unha moción da organización nacionalista na que se apoiaba a loita contra a Violencia de Xénero. Daquela, quedaba emprazada a concelleira de muller, en elaborar un Manifesto con tempo suficiente para ser consensuado cos grupos políticos da oposición.
Dito texto chegou a mans do BNG vinte e catro horas antes da celebración do Pleno, vía correo electrónico. Isto supuxo que houbera que votar a urxencia do texto para ser aprobado.
O contido da mesma, pasaba moi por enriba das verdadeiras causas da situación actual da loita contra a erradicación da Violencia de Xénero. Nin referencia á redución de partidas orzamentarias, nin referencia ao libre dereito das mulleres ao aborto
Inicialmente, o concelleiro da Agrupación de Electores apoiou o contido do texto. Na quenda da voceira nacionalista, Cecilia Pérez, expresou o seu rexeitamento, ao que pode considerarse un cubrir o expediente por parte da responsábel de muller.
Trala proposta de Cecilia Pérez, o texto quedou enriba da mesa, co compromiso de que sería realmente traballado por parte da concellaría de muller, para ser consensuado.
Nunha cuestión tan delicada como a da loita contra a Violencia de Xénero, cómpre actuar con cautela e unidade. Trátase dun tipo de terrorismo que non reduce de xeito significativo o número de vítimas anualmente. Un traballo que significa ter claro o obxectivo para dar os pasos firmes cara ao obxectivo final.