A presión social, fai recuar ao goberno de Javier Bas.
A construción dun Centro Comercial no Canabal, suporía a defenestración do comercio local.
Máis de dúas horas sobraron no Pleno no que se debateu a modificación das normas subsidiarias do Canabal para a construción dun centro comercial. Máis de dúas sobraron para coñecer que o goberno de Javier Bas dera marcha atrás nun Proxecto, que, con todo, seguen a defender.
A voceira do BNG foi tallante na súa exposición; darlle saída a este Proxecto suporía a desaparición para o comercio de proximidade. Un comercio que goza dunha longa tradición en Redondela, que coñece perfectamente ao cliente a quen se dirixe, que crea postos de traballo, e que pode superar a crise.
Calquera tipo de respaldo á modificación das normas urbanísticas simplemente serviría para beneficiar a uns poucos en detrimento de moitos, continuou na súa exposición a voceira nacionalista.
Nas intervencións de Arturo González, quedou claro que o goberno municipal aposta polo desenvolvemento deste Proxecto (por certo nin referencia del no seu Programa Electoral). Á espera de tempos mellores decidiron rexeitar a modificación urbanística.
Mais non foi a presión das forzas da oposición a que fixo que o goberno de Javier Bas, dera marcha atrás. Foi a concienciación dos propios comerciantes da Vila a que fixo tremer ao goberno municipal. Vendo esta actuación como unha agresión directa ao seus intereses e ao seu futuro como sector de relevancia en Redondela, saíron publicamente a deter este Proxecto.
O alcalde, Javier Bas, agochouse unha vez máis. Dando mostras de que non ten capacidade, nin é valente cando as cousas non saen ben, utilizou ao concelleiro de urbanismo e ao parlamentario, Alberto Pazos, para defender o Proxecto.
O primeiro, porque comparte o Proxecto punto por punto. Nalgún momento da exposición parecía máis o xestor do complexo, que un concelleiro municipal. O segundo, porque non quere deixar de ter protagonismo, para tamén ver se veñen tempos mellores.
O que queda claro para o BNG de todo este proceso é que o PP vai seguir apostando polo centro comercial e que a presión social vai ser decisiva para que isto non saia adiante.