O Pleno apoia a demanda de maiores competencias marítimas para Galiza.
A moción do BNG sobre a sentenza do Prestige, na que se apoia as mobilizacións destas semanas aprobouse co apoio de PSOE e a Agrupación de Electores. O PP, opúxose.
A escasos días de que se publicara a sentenza sobre a xestión do desastre do Prestige, o Bloque Nacionalista Galego presentou unha moción no Pleno do Concello de Redondela.
Unha nova marea de indignación percorre o País ante o fallo dunha sentenza que deixa impune aos responsábeis da catástrofe. Trátase dunha nova agresión a un pobo que viu as súas costas asolagadas polo chapapote da incompetencia.
Que dende Redondela se apoiara as mobilizacións que están a desenvolverse por todo o País, e que continuarán nos vindeiros meses, confirma que existe unha conciencia de nación máis profunda que a expresada nos procesos electorais.
Afortunadamente o chapapote non chegou ata Redondela, mais a resposta daquela, de moitos voluntarios do noso concello, e a participación hoxe en día nos actos que se desenvolven en toda Galiza, acreditan que se ten conciencia de País, e que cando somos agredidos, defendémonos.
O acordo máis importante da moción recollía a demanda ao estado español, da transferencia do control e inspección dos barcos que recalan no portos galegos e dos que transitan polas nosas costas, para poder aplicar unha política preventiva no trasnporte marítimo de mercadorías perigosas.
O grupo de goberno pretendeu obstaculizar un respaldo da moción argumentando que a xestión foi a correcta, como a sentenza manifesta e que maiores competencias para Galiza, non garantirían unha mellor xestión da catástrofe. Finalmente os tres grupos da oposición puxéronse de acordo para apoiala.
Nas intervencións da voceira do BNG, Cecilia Pérez, deixou ben claro que daquela os efectos do accidente do Prestige, converteuno en desastre a mala xestión política. Continuar a día de hoxe defendendo todos e cada un dos pasos dados dende os gobernos de Aznar ou Fraga, amosan o cinismo do Partido Popular, tamén no noso concello.
O BNG vai seguir dando a cara polo País para defender os dereitos que como nación nos asisten. A transferencia de competencias marítimas ao goberno galego, suporía acadar maiores cotas de soberanía, co que se poderían ter tomado decisións de calado dende Galiza.