O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta, para mellorar os centros de ensino de Redondela

O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta, para mellorar os centros de ensino de Redondela

Solicitárnose 300.000 para o tellado de Quintela e 150.000 para o patio cuberto de Santa Mariña.

Un ano máis o Bloque Nacionalista Galego volveu presentar varias emendas aos Orzamentos da Xunta a instancias da Asemblea Local de Redondela. Transmitiuse ao  Grupo Parlamentario a necesidade de que nos orzamentos da Consellaría de Educación se recollesen partidas para dúas infraestruturas de carácter educativo.

Para a organización nacionalista, trátase de infraestruturas prioritarias nos centros de ensino público de Redondela.

Patio cuberto do CEP Santa Mariña.

Demandouse a dotación dunha partida de 150.000 euros nos orzamentos da Xunta para a construción do patio cuberto neste colexio. “Non é de recibo que máis de 400 alumnos e alumnas de primaria queden sen poder saír ao recreo, ou sen realizar educación física cada vez que chove”. Trátase dunha situación que se produce dende que o centro foi construído, e pacientemente a comunidade educativa ten esperado por tempos mellores, para esta obra, que nunca chega.

Desde hai varios anos, tanto as familias como o profesorado desenvolveron diversas accións de presión para que a obra se realizase. Mesmo o actual alcalde, Javier Bas, tamén usou esta obra en campaña electoral, pero de momento a Consellaría non ten amosado vontade de realizala. O BNG considera que con 150.000 euros sería suficiente para levar a cabo unha infraestrutura tan necesaria.

Arranxo do tellado do CEIP Quintela.

Desde o BNG igualmente consideramos prioritaria a renovación do tellado de Quintela, tamén un tema recurrente en todas as xuntanzas do Consello Escolar Municipal. Mesmo se teñen presentado mocións para exixir da consellaría de Ensino unha solución definitiva.

Parte do tellado de Quintela viuse seriamente danado hai varios anos por mor dos temporais. Houbo unha solución de carácter temporal, un remendo e agora exiximos un arranxo completo do tellado, por iso pedimos a inclusión de 300.000€ que poderían rematar coa preocupación expresada por moitas familias en canto a este tema.

O BNG non vai baixar a garda no seu obxectivo de acadar que ambas infraestruturas se fagan ao longo do vindeiro ano. A situación dos centros educativos no noso concello deteriórase ano tras ano. Non só no que atinxe ás infraestruturas en si, senón tamén aos recortes no profesorado, e nas partidas para o ensino en xeral, o que redunda na calidade do ensino público en Redondela”.

A situación, desde o punto de vista da nosa organización política resulta indignante, pola actitude do parlamentario Alberto Pazos, que no canto de traballar para que estas obras se inclúan nas partidas da Xunta, está máis pendente de intentar solucionar os problemas que o Partido Popular ten en Redondela, cando en teoría xa non ten ningunha responsabilidade neste concello máis alá do seu traballo no parlamento.

Confiamos en que grazas á perseveranza do Grupo Parlamentario do BNG, se acade un acordo para que os responsábeis da consellaría constrúan o patio cuberto no CEIP Santa Mariña, e arranxen o tellado do CEIP Quintela.

CEIP de Quintela

O BNG presenta emendas aos orzamentos da Xunta, para mellorar os centros de ensino de Redondela