O BNG, mantén como prioritario o novo edificio para Servizos Sociais en Chapela.
“Comprometémonos a elaborar un Proxecto consensuado co movemento asociativo ”, afirma o voceiro municipal Xoán Carlos González.
Dende o Bloque Nacionalista Galego por medio do seu voceiro municipal, saen ao paso das declaracións verquidas dende o goberno de Digna Rivas, sobre as obras de mellora do local de Servizos Sociais nos baixos do Pavillón de Chapela. “Estes locais, xa cumpriron sobradamente a función para a que se adaptaron hai doce anos. Agora cómpre ser máis ambiciosos, e traballar para unhas novas dependencias”, afirma
Recorda que a rede de infraestruturas ideada dende o BNG, contempla inversións da Xunta, de Fondos Europeos, e financiamento do propio Concello. O Centro de Día de Cesantes, Local de Servizos Sociais en Redondela, Centro de Día en Trasmañó, Escola Infantil en Chapela, xunto a o local de Servizos Sociais de Chapela, constituíron a aposta nacionalista dende hai máis dunha década. Non só as infraestruturas, tamén na consolidación do departamento como un dos de vangarda na nosa bisbarra. “O paso dos gobernos do Partido Popular polo Concello de Redondela supuxeron unha involución nesta área”, valora.
“Agora estamos en disposición de dar un novo salto, apostando pola construción dun edificio polivalente, no espazo ocupado polo antigo colexio Igrexa”. Entende Xoán Carlos González que despois de deixar escapar a reforma do vello edificio educativo, cómpre traballar por un novo, onde Servizos Sociais asuma o seu protagonismo.
“O concello pode dispoñer dun 2.000 metros cadrados para desenvolver este proxecto. Os fondos europeos asignados a Redondela, poden ser unha vía de financiamento. Todo reside nas prioridades e na vontade política do goberno municipal”, engade.
Para converter esta proposta en realidade, afirma que se debe contar realmente co traballo e o compromiso da veciñanza de Chapela. “O Consello Parroquial debe ser o instrumento de participación onde se debe plantexar esta cuestión, para chegar a un acordo e a un consenso”.
Comprométense dende o BNG, a seguir traballando para dotar a Chapela dun novo edificio de primeira liña para que o departamento de Servizos Sociais preste unha atención á veciñanza de primeira calidade.