O BNG participa na concentración a prol da Liberdade de Expresión.
Convocada polo coleitivo Xente Titiriteira, tivo lugar unha concentración ás 13.30h no Concello de Redondela.
O obxectivo principal desta convocatoria consistía en amosar o apoio público aos membros da compañía Títeres desde Abajo, detidos pola policía durante cinco días, despois de representar unha das súas obras no concello de Madrid. Tratábase de escenificar o rexeitamento frontal á resposta dada dende os poderes estatais polo simple feito de poñer en práctica do dereito da liberdade de expresión.
O presunto enaltecemento do terrorismo por parte da compañía, nunha representación, da que previamente se advertira do seu contido, obtivo como resposta a posta en marcha dos mecanismos represores do Estado español. A resposta social, non podía facerse esperar. Redondela, como un dos concellos galegos onde os títeres e monicreques teñen maior pegada,quixo amosar o seu apoio aos membros da compañía Títeres desde Abajo.
Xunto a outros coleitivos e persoas individuais, o BNG apoiou e respaldou esta concentración do domingo. Rexeitamos calquera tipo de resposta en contra do exercicio da liberdade de expresión. Consideramos que, por medio de vías democráticas e respeituosas cos dereitos coleitivos e individuais, pode ter cabida calquera manifestación de carácter cultural. Apoiamos á compañía de monicrequeiros Títeres desde Abajo, rexeitando a súa retención por parte da policía durante cinco días.