O BNG plantexa ao goberno que tome a iniciativa para a reconstrucción do campanario de Reboreda.

IMG_20230812_124441
Xoán Carlos González, Jéssica García e David Couñago xunto ao campanario de Reboreda.
Xoán Carlos González “ plantexamos asinar un convenio para facerse con bens da igrexa, xunto a unha beca de estudio dun elemento patrimonial singular."
O BNG plantexa ao goberno que tome a iniciativa para a reconstrucción do campanario de Reboreda.
O Bloque Nacionalista Galego de Redondela recupera a súa proposta de traballar coordinadamente entre o concello e os responsábeis da Igrexa de Reboreda para a rehabilitación da cúpula do campanario. En marzo de 2022 un lóstrego derrubouna sufrindo importantes desperfectos. A situación solventouse parcialmente coa reconstrución en terra deste elemento arquitectónico. A estimación das obras, que significarían a volta ao seu estado orixinal peza por peza rondan os 300.000€. Diversas iniciativas veciñais desenvolvéronse para poder afrontar estas obras, que ano e medio despois seguen sen poder realizarse.
 
O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González considera “que o goberno municipal debe tomar a iniciativa para trasladar o campanario á súa ubicación orixinal”. Con tal motivo empraza ao goberno de Redondela a que inicien contactos cos responsábeis do edificio relixioso para chegar a un acordo. “Mediante un escrito dirixido á alcaldía propomos asinar un convenio de colaboración polo que o concello financie as obras a cambio de que pasen a titularidade municipal determinados bens da igrexa, que haberá que negociar”. Engade que ambas as dúas partes poden saír beneficiadas.
 
A construción da Igrexa de Reboreda pódese datar de finais do século XVII – principios do XVIII. Nos seus inicios foi unha pequena capela anexa ao pazo da Reboraina que se atopa ao seu carón, no que aínda existe un pasadizo que os une. O retábulo maior foi obra do redondelán Antonio del Villar. O conxunto patrimonial composto pola Igrexa e Cruceiro, Pazo da Reboraina, Rectoral, constitúen uns dos máis destacados do concello de Redondela.
 
O edil nacionalista considera igualmente que “atopámonos ante este magnífico elemento patrimonial que debe ser aproveitado para un mellor coñecemento e difusión. Plantexamos que o concello dote economicamente unha beca para que especialistas o estuden formalmente , e se comparta con centros educativos da nosa bisbarra”. Deste xeito, segundo Xoán Carlos González, os e as escolares poderían traballar cunha peza arquitectónica para estudiar o contexto cultural e histórico da súa construcción.
 
Comprométese a que esta proposta sexa debatida nas xuntanzas que están previstas que realice o grupo municipal do BNG con membros do goberno municipal de Redondela. “Imos iniciar estos contactos nas vindeiras semanas para colaborar na planificación e desenvolvemento de propostas co fin de asegurar o noso apoio”, salienta finalmente.
O BNG plantexa ao goberno que tome a iniciativa para a reconstrucción do campanario de Reboreda.