O BNG quédase só no pleno na exixencia do ciclo formativo no IES Chapela.

O BNG quédase só no pleno na exixencia do ciclo formativo no IES Chapela.

PP, PSOE, AER consideran inviábel que se poida negociar a instauración do ciclo en Integración Social para o curso 2013/2014.

 “Unha negociación de carácter político”. Con esta definición o concelleiro nacionalista, Xoán Carlos González, defendía o carácter da moción presentada no Pleno de Xullo. Segundo o expresado, preténdese que o alcalde, Javier Bas, negocie directamente co director xeral de FP, para que se implante este ciclo no curso 2013/2014.

Esgotadas todas as vías que de xeito ordinario ten establecida a Consellaría de Educación para dotar aos distintos centros dos ciclos formativos demandados, compete ao Concello de Redondela, levar a cabo a negociación.

Na defensa da moción, expúxose que o IES de Chapela tense convertido nos últimos anos, nun referente no sur da provincia en canto á formación na familia profesional de Servizos á Comunidade. De feito, existen varios ciclos que xa se imparten: Grao Superior de Educación Infantil, e Grao Medio de Atención a Persoas en situación de Dependencia.

A inversión da Consellaría tería sido moi pequena para que se dotara a este centro do ciclo en Integración Social pois xa está dotado de profesorado especializado, material, espazos, etc.

 

Financiamento do ensino privado.

Novamente o Partido Popular volve a subvencionar a centros privados e confesionais. No colexio S. Xosé da Guía e o colexio Aloia (vinculado ao Opus Dei), si que a Consellaría de Educación dótaos co ciclo de Integración Social. É máis, a inversión ten que ser maior neste último centro que no IES Chapela. Para isto non existen restricións orzamentarias.

Maior gravidade acada a decisión, pois para poder cursar nun centro público este ciclo o alumnado debe desprazarse ata as provincias de Ourense ou A Coruña.

Claramente trátase dunha decisión de carácter político do PP, para seguir beneficiando a aqueles sectores nos que se apoia ideoloxicamente.

 

Desinterese do equipo de goberno municipal

A intervención da concelleira de ensino Teresa París durante o Pleno, evidenciou que non existiu en ningún momento interese en apoiar as reivindicacións do equipo directivo do IES Chapela. No canto de tomar a iniciativa no mes de xuño, cando xa se coñecían as intencións da Consellaría, limitouse a “facer varias chamadas” a véspera do Pleno.

Este xeito de traballar amosa un desinterese total por parte do Equipo de Javier Bas, na defensa do ensino público. Ao BNG, non lle sorprende esta liña de traballo.

Na argumentación que manexaron tanto PP como PSOE, suavizaban o papel que debería desempeñar o Concello. Namentras que propoñían que se negociara a implantación para dentro de dous cursos, o BNG considerou que había marxe “político” para seguir presionando e negociando, e que o ciclo se impartira para no curso 2013/2014.

PP, PSOE, AER abstivéronse na votación final, saíndo adiante a proposta nacionalista cos únicos votos a favor dos dous concelleiros do BNG.

O BNG quédase só no pleno na exixencia do ciclo formativo no IES Chapela.