Moción para a implantación do ciclo formativo de grao Superior de Integración Social no IES Chapela

Moción para a implantación do ciclo formativo de grao Superior de Integración Social no IES Chapela

No pasado mes de maio, unha vez máis, a comunidade educativa do IES Chapela solicitoulle á Consellaría de Educación, a implantación do Ciclo Formativo de Grao Superior de Integración Social, pertencente á familia profesional de Servizos á Comunidade. Actualmente neste centro educativo pódense cursar varios ciclos formativos desta familia ( Grao Superior de Educación Infantil e Grao Medio de Atención a Persoas en situación de Dependencia).

A comunidade educativa solicitou en diversas ocasións este mesmo Ciclo Formativo de Integración Social, por diversos motivos, entre os que cómpre destacar: a demanda por parte do alumnado do centro; non existe oferta deste ciclo formativo en toda a provincia de Pontevedra; porque o propio centro xa dispón de infraestructuras precisas para poder desenvolver o ciclo.

Tras todas as demandas do IES Chapela, a Consellaría de Educación, non oferta en toda a provincia de Pontevedra para o curso 2013/2014, o mencionado Ciclo Formativo de Grao Superior de Integración Social. Nunha decisión que carece de calquera tipo de xustificación, pois se trata dun ciclo formativo cunha alta demanda, e con importantes expectativas de inserción laboral.

Trátase dunha nova agresión ao sistema público de ensino galego, posto que a non autorización a un ciclo destas características, en toda a provincia de Pontevedra, denota unha falla de interese absoluta por parte das autoridades educativas. Agrávase a situación ao coñecerse que ao centro privado Aloia, si se lle concede este ciclo.

Imponse pois abrir todas as canles de actuación e de presión sobre a Consellaría de Ensino para que no IES Chapela se poida impartir o ciclo formativo obxecto da demanda. Por todo isto o Grupo Municipal do BNG, propón ao Pleno da Corporación do Concello de Redondela o seguinte:

ACORDO:

1. Que o alcalde do Concello de Redondela, negocie co director xeral de Formación Profesional para a implantación do Ciclo Formativo de Grao Superior de Integración Social no IES Chapela.

En Redondela, 24 de xullo de 2013

Asdo. Xoán Carlos Glez., concelleiro do BNG

Moción para a implantación do ciclo formativo de grao Superior de Integración Social no IES Chapela