O BNG de Redondela afirma que o goberno municipal prioriza os criterios económicos no contrato da avogada do CIM.
Un servizo, segundo a concelleira do BNG, Jéssica García, “fundamental para abordar os numerosos casos de violencia machista que tamén sufrimos en Redondela”.
Afirma, a concelleira do BNG, que ademais de iniciarse o proceso dunha nova contratación, ao límite dos prazos, “ non se prorrogou o contrato da avogada ata que estivera vixente a nova contratación, como si se está a facer con outros servizos”. Pon como exemplo o servizo de limpeza, ou o contrato do avogado do concello.
A finais do mes de maio a empresa gañadora do concurso e o concello asinaron o contrato de asesoramento no CIM, mais o BNG dubida que o servizo que se prestará durante os vindeiros anos sexa de calidade e adaptado ás mulleres que o precisen.
A empresa gañadora do concurso presentou un proxecto para o CIM que as propias funcionarias do concello calificaron como deficiente. A metade do proxecto presentado pola empresa adxudicataria fórmana os curriculums do persoal, “no que non se inclúen ata o mes de abril”, a formación en igualdade de xénero das traballadoras. O proxecto non regula en ningún momento como se desenvolverá o servizo, que días atenderán presencialmente, en que localización... e tampouco especifica que pasará e como se atenderán ás mulleres en situacións de emerxencia fóra do horario estipulado pola empresa.
A concelleira, Jessica García, afirma que no BNG están moi preocupadas “porque no prego de condicións primouse principalmente os criterios económicos, nunha cuestión tan relevante como a atención xurídica ás mulleres, moitas delas víctimas das violencias de xénero”. Considera que non se pode permitir que preste servizo unha empresa que só consegue pouco máis dun punto, dos vinte posíbeis en relación ao proxecto para o CIM. Defenden, as nacionalistas, que nos pregos de condicións en cuestións tan sensibles como o asesoramento xurídico a mulleres en situación de violencia deben primar as cuestións técnicas e non as económicas. “O resultado final, foi que unha xestoría gañou o concurso, e vai ser responsábel nos vindeiros anos non só de atención á vítimas, senón tamén de desenvolver un Programa de prevención, e información”, aclara.
Ademais, recordan que o concello de Redondela precariza ás traballadoras que asuman o servizo atentando contra os seus dereitos laborais; xa que o concello outorga ata dous puntos por cada tres horas realizadas “gratuítamente”. Con esta fórmula, o Concello de Redondela pasa de dezasete a vinte horas semanais de servizo semanal, mais sen asumir a retribución correspondente.
O BNG de Redondela solicitou por escrito á alcaldesa Digna Rivas que aumente as horas de contratación do servizo xurídico do CIM e que se paralice o proceso de contratación, porque entenden que existen moitas probabilidades de que se preste un servizo deficiente.
IOnforma da solicitude que realizou para que a alcaldesa detivera o proceso de contratación iniciando un novo no que primara un Proxecto da Atención ás Mulleres. “O papel da avogada do CIM, adquire un protagonismo fundamental para que as redondelás se sintan arroupadas polo Concello, na loita contra os seus maltratadores e acosadores, e lles permita construír ella e os seus fillos e fillas, unha nova vida con mellores espectativas”, remata na súa nota Jéssica García