O BNG de Redondela considera “catastrófica” a posta en marcha da Pass Vigo
Dende a organización nacionalista consideran que a situación creada polo bono de Vitrasa obedece a intereses electoralistas.
“Trátase dunha irresponsabilidade involucrar nas liortas partidistas as economías de miles de veciños e veciñas de Redondela”. Recordan desde o BNG que “segundo a concesión do Vitrasa, na medida en que se reduza o número de usuarios e usuarias, terán que ser os vigueses e viguesas quen compensen a empresa”.
A posta en marcha do bono de transporte urbano de Vigo exclusivamente para quen estea empadroado na cidade “vai supoñer un importante barapau nas economías familiares de miles de redondeláns e redondelás, que a diario empregan o transporte público para sedesprazaren ata os centros de traballo na urbe”, recorda o concelleiro do BNG, Xoán Carlos González. A suba dun mínimo de 46 céntimos por viaxe non poderá ser asumida por moitas famillias, nomeadamente os e as pensionistas.
Recorda que “na medida en que se reduza o número de usuari@s de Vitrasa por mor da eliminación dos bonos, por obriga da concesión do servizo, terán que ser o conxunto de vigueses e viguesas quen compense a redución de ingresos á empresa”. Afirma que Abel Caballero non está á altura, “para quen pretende converterse no primeiro presidente da Área Metropolitana”. Recorda que a veciñanza redondelá, como as dos concellos limítrofes, lle paga á de Vigo os seus traslados coa tarxeta metropoliana. En todo caso acúsao de tramar en contra da veciñanza de ambos concellos, para que a renovación da concesión de Vitrasa lle sexa máis ventaxosa.
Considera o edil nacionalista, que Javier Bas, como alcalde de Redondela “actuou irresponsabelmente, primando os intereses do Partido Popular sobre o dos veciños e veciñas de Redondela. Xa veremos no futuro como lle devolven o favor en Compostela”. Afirma que o alcalde redondelán en ningún momento velou polos intereses dos traballadores e traballadoras que a cotío teñen que desprazarse a Vigo, xa que non explotou todas as fórmulas de negociación.
Considera o edil nacionalista que “chegamos a esta situación únicamente por intereses eleitoralistas tanto do Partido Popular como do Partido Socialista, metendo no medio os veciños e veciñas.
“A situación aínda pode reconducirse se hai verdadeira vontade”: dende a organización nacionalista solidarízanse co conxunto da veciñanza afectada pola suba do pago do Vitrasa. Consideran que no caso da liña C3, que vai na concesión e entra en Chapela, debe haber un “tratamento excepcional”. Afirma que o BNG vai seguir colaborando e presionando para que se solvente esta situación.