O BNG de Redondela considera as pistas de atletismo, de “segunda categoría”.
Xoán Carlos González: “O goberno do PSOE, rexeitou construír unha infraestrutura acorde á realidade do concello, para o que dispuña de 400.000 euros”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de analizar o recente anuncio da construción das únicas pistas de atletismo no concello de Redondela, no instituto San Simón de Redondela. “Un proxecto que nace con moitas eivas, pois con fondos municipais constrúese nun centro escolar dependente da Xunta, suxeita a un convenio, e cunhas enormes limitacións de espazo”, sinalan.
Dende a organización nacionalista afirman “que se trata dunhas pistas de atletismo de segunda división, que confirman unha vez máis a visión tan limitada do goberno de Digna Rivas sobre as necesidades reais do concello”.
As pistas soamente ocupan catro rúas, a maior de 180m., ubicadas no Instituto de secundaria, San Simón. O uso da infraestrutura depende dun convenio, o que vai condicionar a súa utilización, ademais das limitacións que suporá no uso do patio por parte do estudando.
Pola súa parte o voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, afirmou que “ao inicio do mandato o goberno municipal dispuña de 400.000 euros para a construción das pistas de atletismo, que agora se reducen máis dun cincuenta por cento”. En diversas xuntanzas, tanto cos grupos da oposición como co Club de Atletismo de Redondela, plantexáronselle alternativas, como os terreos de ADIF en Quintela, negociacións coas comunidades de montes, ou outros espazos de titularidade municipal. “Desde o primeiro momento o único que lles interesou foi que a pista se construíse na zona da Marisma, e que dependese dunha negociación coa administración autonómica, para dilatar os prazos, e tensionar a situación”, sinala
Quere deixar claro o edil do BNG que dende a súa organización defenden a construción dunha infraestrutura deportiva que permita que a práctica do atletismo se realice en condicións de calidade, que mesmo sirvan de referencia para outros concellos da bisbarra. “Deste xeito tanto afeccionados e afeccionadas, como os e as atletas poderían dispor de instalacións de primeira, co que o medre desta práctica deportiva estaría asegurado”.
Segundo expuxo, este modelo conxuga perfectamente co que dende hai unha década tan bos resultados ten acadado no concello de Moaña. Para coñecer os pormenores da xestión, o grupo municipal do BNG de Redondela, achegouse ao veciño concello do Morrazo, contando con Leticia Santos como anfitrioa. “Soubemos de primeira man o modelo, exemplo para grande parte dos concellos do noso arredor”, apuntou.
“Deixa escapar o goberno de Digna Rivas a oportunidade de que as primeiras pistas de atletismo convertan Redondela en referente da nosa bisbarra. No BNG cremos firmemente na necesidade de que a actividade deportiva en todos os eidos, como no caso do atletismo, debe chegar ao conxunto da veciñanza, con instalacións de calidade. Neste obxectivo seguiremos traballando nos vindeiros anos”, remata na súa nota Xoán Carlos González