O BNG de Redondela Interésase pola situación do Centro de Día de Cesantes.

Centro de día de Cesantes (Redondela)
O BNG de Redondela Interésase pola situación do Centro de Día de Cesantes.

Solicitou información ao alcalde, tras a visita da Consellería de Benestar.

Na mañá de hoxe martes, nun escrito presentado no Rexistro do Concello, o Grupo Municipal do BNG, solicitou información sobre a recente visita a Redondela da Conselleira de Benestar, Beatriz Mato.

No escrito presentado piden que se lles aclare cal foi a información transmitida pola responsable do departamento, nun tema tan importante como o do Centro de Día de Cesantes. “Trátase da infraestrutura de maior importancia dende o punto de vista social que se está a construir en Redondela, e leva xa un ano de retraso”. As obras iniciáronse o ano 2009.

Dende a organización nacionalista, descoñécese o motivo polo cal non está funcionando xa o Centro de Día de Cesantes. “Existe unha importante demanda de usuarios e usuarias, e das súas familias da nosa comarca, tanto para a atención de día, como de residencia. Ademais sería unha infraestrutura que si realmente crearía postos de traballo en Redondela”.

No escrito dirixido ao alcalde, Javier Bas, prantexan a necesidade de coñecer os prazos que deu a Consellería, Beatriz Mato para abrir o Centro. Ademais preguntan dende o BNG, en que momento das xestións para a apertura se atopa esta obra.

Dende a agrupación nacionalista, volverán a instar ao grupo parlamentario do BNG para que leve esta cuestión ao Parlamento Galego, co obxectivo de que o Centro de Día de Cesantes entre en funcionamento á maior brevidade posible.

O BNG de Redondela Interésase pola situación do Centro de Día de Cesantes.