O BNG de Redondela solicita información sobre as demandas a Fomento.
A mellora da seguridade viaria, unha prioridade para a formación nacionalista.
Na sesión plenaria do mes de decembro, e a preguntas da oposición, o concelleiro Arturo González, afirmou que o goberno municipal remitira ao Ministerio de Fomento, unha serie de peticións. Ditas demandas se recolleran nun catálogo, que agora o Bloque Nacionalista Galego, vén de solicitar ao grupo de goberno de Javier Bas.
Dende a organización nacionalista, consideran que as estradas de titularidade estatal (N-550, N-552, N-555), carecen de importantes medidas de seguridade viaria.
Puntos negros e seguridade viaria.
O intenso tráfico de vehículos particulares e de grande tonelaxe, agravan a situación de autenticos puntos negros. O BNG agarda que foran recollidos nas demandas do goberno municipal ante Fomento. Para a organización nacionalista, a seguridade viaria de peóns, e veciños destas estradas, constitúe o primeiro obxectivo polo que se debe traballar.
A construcción dunha rotonda no Alto dos Valos en Saxamonde, importantes melloras no cruzamento da N-550 e N-555, na zona do Salgueiral en Vilavella,con instalación de rede semafórica e pasos de peóns; mellora de seguridade viaria no acceso ao Colexio Público de Cesantes, con beirarrúas e construcción dunha rotonda; rede semafórica na N-552, á altura do barrio de Rande en Cedeira; ou a denuncia das escasísimas condicións de seguridade na N-555, que a criterio do BNG debería de ser de ámbito estatal, para reducir o impacto do tráfico rodado, constitúen para esta organización os aspectos clave das demandas a Fomento.
Solicitude da Comisión Infomativa de Interior.
A principios do mes de novembro, xa dende o Grupo Municipal do BNG, solicitouse a convocatoria da Comisión de Interior, co obxectivo que se dera conta das demandas efectuadas ante Fomento. A única resposta que se deu dende o responsábel da área, Arturo González, cinguíuse a que se daría conta nunha xuntanza ordinaria, que a día de hoxe non se tén convocado.
Trátase dunha nova mostra de que dende o goberno do Partido Popular estase a traballar de xeito improvisado, sen ter claros os obxectivos a acadar. Non só deben remitirse a Fomento escritos para cumprir os trámites, cómpre facer un seguemento, máxime nunha problemática que afecta directamente a un número importante de veciños e veciñas de Redondela, afirman dende o BNG.