O BNG traballa para que a gardería de Chapela se constrúa en terreos accesíbeis.
Na última xuntanza do Consello Parroquial de Chapela, debateuse sobre os terreos nos que se debe construír a futura gardería. O BNG expresou a súa proposta a través do seu representante, Xavier Balsas.
En primeiro lugar, dende o BNG queremos salientar o grado de madurez amosado polo Consello Parroquial, onde tanto as forzas políticas como os diversos colectivos, prantexan propostas que inciden directamente no conxunto da veciñanza.
O BNG segue a defender que a gardería se constrúa nos denominados terreos da Autoestrada, postura sempre defendida por esta organización.
Nos arredor de 35.000 metros cadrados de terreo, mesmo no caso de ser necesario, tamén se podería construír un novo colexio de Igrexa, co que esta zoa, tan apetecíbel dende o punto de vista urbanístico, pasaría a ser dotacional
O goberno de Javier Bas, por medio da concelleira Teresa París, fixo todo un embrollo desta cuestión. Sen ningún tipo de planificación, nin tan sequera consultar cos directamente afectados, venderon publicamente que ían investir 600.000 euros en acondicionar os baixos do CEIP Alexandre Bóveda. Unha proposta inadmisíbel, pois a atención educativa de nen@s de 0 a 3 anos íase ver enormemente comprometida. Foi a rápida resposta do equipo directivo, ANPA e o propio Consello Parroquial e colectivos, a que lle parou os pés ao goberno de Javier Bas.
Abandoada esta idea, decantouse polo Colexio de Trasmañó. Púñase en risco o futuro desta infraestrutura de carácter social, posto que a accesibilidade e comodidade para as familias non estaba garantida.
En canto a unha posíbel ubicación desta gardería nunha parcela do monte comunal, o goberno municipal volve dar mostras da súa incapacidade. Por boca do seu presidente, Miguel A. Ballesteros, afirmaron que estaban abertos a calquera proposta que non supuxera un enfrontamento veciñal.
Se de verdade o goberno municipal pretende dar resposta ás demandas veciñais, debe facer unha proposta seria e responsábel. Non pode andar a xogar coa xente.
Os terreos da gardería deben estar o máis céntricos posíbeis, onde se garanta a accesibilidade ao tratarse dunha infraestrutura de carácter social imprescindíbel a todas luces. O BNG empraza ao goberno de Javier Bas a que faga unha proposta seria e responsábel, consecuente coas necesidades de nais, pais e cativ@s.