O BNG valora moi negativamente a falla de inversión do Estado coas necesidades de Redondela.
Descoñecemos os motivos de Javier Bas para alegrarse ante a falla de compromiso.
O Bloque Nacionalista Galego, valora moi negativamente a inversión que o goberno español vai facer en Redondela no ano 2015. Non existe previsión de construción da estación de Chapela, nin da Rotonda de Os Valos.
Consideramos dende o BNG que non se lle dá resposta ás carencias que en canto ás infraestruturas dependentes do estado sufre o concello de Redondela. Relativizan a inversión anunciada polo alcalde Javier Bas, posto que a construción de beirarúas, e a senda peonil, debe ser unha realidade ao longo do ano.
Reivindicacións sociais.
Tamén descoñecemos os motivos de ledicia do alcalde, ao ignorarse a petición dos veciños e veciñas de Cedeira. Mobilizáronse para melloras na seguridade viaria no entorno do Cruceiro, mesmo recollendo sinaturas. Despois de entregalas no Concello, compróbase como as mesmas foron ninguneadas.
Sinalamos igualmente como a construción da Rotonda no Alto dos Valos, foi ninguneada polo ministerio. Acordos de consellos parroquiais e Pleno da Corporación para facer forza nesta demanda, que os responsábeis do ministerio non quixeron escoitar.
Confírmase que non se vai elaborar un proxecto de remodelación da N-555, posto que tal como se baralla, suporía unha inversión de arredor de 9 millóns de euros. A pesares do servizo que esta estrada ten feito, e segue a facer ao propio Ministerio para a construción das obras do AVE, 255.000 para a construción de beiravías, supón unha inversión moi cativa.
Estación de tren en Chapela.
Volve outra vez o goberno español, a ignorar a construción da estación de tren en Chapela. No ano 2011 o Ministerio aprobou unha partida de 150.000 para o Proxecto Construtivo. Agora confírmase que non se vai levar a cabo.
Dende o BNG cremos que a parroquia de Chapela sufre o movemento de tráfico ferroviario, mais, a pesar disto, non se pode beneficiar do uso deste medio menos contaminante que o vehículo particular.
En todo caso, a maior inversión que o Estado vai facer nesta parroquia, vai ser a ampliación da autoestrada, deixándoa esgazada de vez, afondando nun déficit real con Chapela.