Carlos Aymerich no Mitin en Redondela

Carlos Aymerich no Mitin en Redondela

 

“O BNG acredita nos sectores produtivos e no futuro da Galiza”.

 

Carlos Aymerich en Redondela

O candidato por Pontevedra insistíu na necesidade de votar nacionalismo de esquerda para botar ao PP da Xunta de Galiza.

Na súa intervención no Mitin central da organización nacionalista en Redondela, o cabeza de candidatura expuxo os eixos centrais do programa de goberno do BNG. Ademáis da xa tradicional defensa de sectores produtivos que calificou de “estratéxicos” para o País, como o agrogandeiro, forestal, o vinculado co mar ou cunha explotación racional dos nosos recursos naturais, Aymerich destacou a necesidade de impulsar o noso sector industrial, principalmente nunha comarca como a de Vigo. Valorou como moi negativa a xestión do goberno galego en canto á creación de emprego, denunciando a sangría que supón para Galiza que sesenta mil mozos e mozas, “que forman parte das xeracións mellor formadas, teñan como única vía a de emigrar”.

Acusou Carlos Aymerich directamente ao presidente da Xunta, como o principal responsábel de que todos os sectores económicos e produtivos estean paralizados, agravando a situación da crise económica.  

Banca pública galega

Outro dos eixos no que se centrou a intervención do cabeza de lista do BNG, foi o da defensa dun novo modelo económico. “Non se trata de que nestas eleicións saian uns e entren outros. Trátase de traballar na construcción dun novo modelo que teña realmente en conta ás clases traballadoras e o sector público”, aseverou.

Carlos Aymerich comprometeuse a que nun goberno galego onde o BNG poida ter cabida, a bolsa de vivendas sen ocupar en Galiza, propiedade dos bancos, pase a ser xestionada pola administración galega para facilitar o acceso da xente nova e das familias con menos recursos a unha vivenda digna.

Aclarou que o PP está á espera de que pasen os diferentes procesos eleitorais para “meter man nas pensións ademáis de venderlle Novagalicia Banco a precio de saldo aos seus amigos co que o aforro galego irase definitivamente fóra”.

“O BNG acredita, e así vai traballar no goberno galego, por unha banca pública galega que permita que os aforros de todos os galegos e galegas poida fluír para axudar a que as economías familiares e os proxectos de desenvolvemento de pequenas e medianas empresas teñan respaldo público”. Aclarou que esta proposta económica do Bloque Nacionalista Galego lonxe de ser utópica pode ser unha realidade con menos cartos públicos que os que se están a empregar no saneamento da Banca. 

Concentrar o voto nacionalista.

Na parte final da súa intervención Carlos Aymerich referíuse a que hai varias fórmulas para que PP manteña a súa maioría. Votarlles directamente, votar nulo ou non votar, ou apostar por outras forzas que van disgregar o voto nacionalista.

Apelou finalmente á necesidade de traballar a prol dunha participación maioritaria, na que os e as redondeláns que ocuparon as rúas nos últimos meses, seguiran indignadas tamén votando. “Concentrar o voto no BNG, un voto responsábel, un voto que sexa exixente e crítico con quen goberna, pero que acredite nas capacidades da Galiza, vai ser o único xeito de facerlle frente ás políticas neoliberais do Partido Popular”.

Carlos Aymerich no Mitin en Redondela