O CONCELLEIRO DE MEDIO AMBENTE DE REDONDELA DEFENDE A PLANTACIÓN DE BAMBÚ.
Unha vez máis, a intelixencia dos veciños e veciñas de Redondela volve ser insultada, co suposto arranxo da estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Redondela. E por qué dicimos isto?, pois porque é evidente que as melloras anunciadas como solución aos problemas actuais de cheiros e mala imaxe que esta estación causa a cotío, non desaparecerán con este lixeiro lavado de face.
Mais non só non van mellorar en absoluto a situación actual do entorno senon que mesmo a van empeorar.
Nin máis nin menos que o Presidente de Augas de Galiza e a Delegada da Xunta, compareceron para anunciar o uso dunha especie altamente invasora como o bambú munha zona que debía ter un caracter de protección ambiental especial.
A exótica especie que tan ben queda nos xardíns xaponeses, non é precisamente a carón dun LIC o lugar máis axeitado para plantala. O crecemento desmesurado desta especie non só na súa parte aérea se non as propias raíces que se expanden lateralmente e poden chegar a romper mesmo o formigón, pon en grave risco unha zoa xa de por si moi deteriorada como A Marisma de Redondela. O propio Colexio de Biólogos de Galiza considéraa como unha especie perigosa para o noso entorno como puxeron de manifesto o pasado mes de abril.
Implantar esta especie provocaría elevados custes de mantemento que agora mesmo non parecen estar sendo aportados neste senso, polo que pensamos que o máis probabel é que esta pranta quede sen control e invada zonas próximas provocando un efecto cadea.
O por qué da elección desta especie en concreto non o sabemos ben, máxime cando existen especies tradicionais como o Loureiro e o Acibro que poden cumprir perfectamente esta función. Melloraríase así o hábitat e o entorno, xa que son especies que favorecen o aniñado e por suposto a integración paisaxística do entorno.
Pero máis indignante é todavía escoitar ao concelleiro de Medio Ambiente dicir que todo isto é falso e que o bambú non é invasivo. Dita afirmación corrobora o que xa temos denunciado; que o goberno municipal do PP, non é máis que un mero transmisor dos anuncios e políticas do goberno da Xunta.
O BNG esixe a substitución desta especie por outra máis axeitada e menos agresiva co noso medio e que non se repita un novo acto de comportamento irresponsable por parte do goberno local nun tema tan importante como é o medio ambiente.