A constitución dos Consellos Parroquias corrobora o defendido polo BNG de Redondela.
No Pleno de outubro de 2011, PP, PSOE e AER, apoiaron a constitución dos Consellos Parroquiais, que somentes era de cara á galería.
Cecília Pérez, voceira do BNG, coñece á perfección o intenso traballo que supón a constitución dos consellos parroquiais. No seu primeiro mandato como concelleira traballou arreo para que se conformaran os once consellos de Redondela. Tratouse dun esforzo ímprobo. Por vez primeira, e da man do BNG, poñíanse as bases para que o movemento asociativo fora respectado e escoitado no concello, ademais de participar e corresponsabilizarse en decisións que afectaban aos veciños e veciñas.
Naquel primeiro mandato con presenza nacionalista no goberno, creouse a concellaría de Participación Cidadá. Durante aqueles anos falouse, traballouse, mesmo se organizaron xornadas informativas para asociacións e colectivos de que os Consellos Parroquiais, poderían dar unha nova perspectiva ao movemento asociativo. Tratábase dunha aposta arriscada, recorda a daquela concelleira de participación cidadá, posto que non había nada similar nin en Redondela nin en concellos próximos, a un modelo de coparticipación deste tipo.
Os resultados deste traballo non foron os esperados, mais valoramos moi positivamente a constitución dos de Chapela, O Viso, e Reboreda. Con altibaixos e diferenzas, empezouse a traballar. Por vez primeira as asociacións sentíronse respectadas e escoitadas.
Demos a imaxe, de que non se quería controlar a ninguén. Pretendíase a corresponsabilidade de concello e colectivos, asumindo por parte da nosa organización que as AA.VV. parroquiais como representantes de toda a veciñanza, deberían ter un protagonismo senlleiro. Houbo problemas, mais tamén froitos moi importantes como a modificación do porto deportivo en Chapela, destaca Cecília Pérez.
Esta experiencia compartida e acumulada na concellería de Participación Cidadá, non só por min, senón tamén póla miña compañeira Ánxeles Babarro, leváronnos a unha aposta decidida na Campaña do 2011, cos orzamentos participativos. Deste xeito Redondela ía a manterse na vangarda do País na participación social na actividade municipal.
Este xeito exemplar de actuar por parte do BNG, obrigou a que o PSOE se vira forzado a modificar o seu xeito de actuar no goberno municipal non só porque por vez primeira tiñan que facelo nun pacto de goberno, senón tamén porque os colectivos vían moi positivamente o seu papel na vida municipal.
O aprobado no Pleno de outubro de 2011, certificou unha comprensión do que debe ser o traballo co movemento asociativo, nas antípodas do defendido polo BNG. O que demandabamos era que se falara e actuara previamente cós colectivos para que viran con bos ollos a importancia dos Consellos Parroquiais. O interese de PP, PSOE e AER, eran comúns, de unicamente cubrir o expediente. O tempo estalle a dar a razón agora ao BNG.