O BNG considera que a nova inversión no campo de S. Mariña obedece a intereses electoralistas.
Acusamos a Javier Bas de querer converter Redondela en patrimonio de Louzán.
A publicación no Boletín Oficial da Provincia, dunha nova partida de 650.000 para a construción dunha novas bancadas no campo municipal de Santa Mariña, espertou preocupación no Bloque Nacionalista Galego. Para a nosa organización trátase dun claro exemplo de electoralismo do goberno municipal de Javier Bas.
Esta segunda inversión súmase aos máis de 500.000 empregados na renovación de dous terreos de xogo, nesta mesma zona. Para o Bloque Nacionalista Galego, o que pretende o alcalde é centralizar e saturar un espazo como o de Santa Mariña, con claros tintes electoralistas pois xa o ten manifestado en diversas ocasións: "as maiores inversións vanse realizar onde se concentre máis xente.
Feudo da Deputación
Para o BNG o Partido Popular quere converter Redondela nun feudo de Rafael Louzán, actuando sen ningún tipo de planificación. A racionalización da inversión pública debe vir abalada segundo as demandas e necesidades efectivas de todo o concello, senón convértese nun novo exemplo de derroche dos cartos públicos, dos que o goberno de Javier Bas ten feito gala nestes meses
Unha maneira de proceder totalmente propagandística, é a valoración que desta nova inversión de 650.000 da Deputación nunha única infraestrutura deportiva municipal, fai a nosa organización. Lembramos dende o BNG, a necesidade da mellora doutras instalacións deportivas no concello de Redondela, ás que se está deixando de lado.
Dende a organización non cuestionamos a necesidade de que o terreo de xogo e outras dependencias anexas deste campo municipal de Santa Mariña, tiveran que ser renovados. Pero os preto de 1.200.000 que finalmente se investirán, sufragarían a mellora doutras instalacións similares que o Concello por medio de convenios, podería chegar a xestionar, como nos casos do campo de fútbol de O Viso e Vilar.
Finalmente recordar que o BNG aposta por unha descentralización e racionalización da inversión en infraestruturas deportivas municipais. Defenden un modelo de actividade física e deportiva como complemento da formativa, e na que teñan cabida os denominados deportes minoritarios.