Polo futuro de monte Penide / monte Mirallo.
O BNG LAMENTA OS TRISTES ACONTECEMENTOS DE MONTE PENIDE.
O BNG lamenta os ataques aos restos neolíticos do monte, patrimonio cultural de valor incalculábel.
Tras os últimos acontecementos que teñen a ver con diversas agresións ao noso patrimonio cultural, o Bloque Nacionalista Galego, quere facer público o seguinte manifesto:
Desde o BNG consideramos este tipo de agresións como auténticos atentados contra o noso patrimonio cultural. Neste caso os feitos sobre diversos petróglifos de monte Penide, un dos maiores exemplos do megalitismo da fachada atlántica europea.
Imos apoiar todo tipo de actuacións que vaian no esclarecemento dos feitos, e en que o ou os culpábeis rendan contas ante a sociedade.
Cómpre a posta en valor do noso patrimonio cultural tanto dos restos megalíticos de monte Penide, como doutras épocas históricas. Supoñemos que estes atentados non son máis que o reflexo dunha desinformación evidente. Desinformación que desde o BNG lle atribuímos a quen, dende a historiografía oficial, ten silenciado grande parte do noso legado cultural e histórico de xeito interesado.
Instamos a que a Xunta de Galiza, como administración última e responsábel da conservación do noso Patrimonio Cultural, poña os medios para preservar Monte Penide.
Consideramos que, ademais dos labores de catalogación e identificación, xunto aos de información escolar, cómpre un traballo inmediato e urxente coas comunidades de montes e coa veciñanza en xeral das parroquias para que se tome conciencia do importante valor que posuímos nos nosos montes.
Manifestamos que a pesares de que nos últimos anos se ten feito un seguimento importante de situacións que deterioraron este importante parque megalítico, o impacto máis negativo veu da man da empresa Unión Fenosa, quen nas diversas actuacións que realizou no pasado, ten estragado diversas mostras de gravados rupestres.
Apostamos pola preservación e posta en valor de Monte Penide, labor no que a veciñanza de Redondela debe desenvolver un papel protagonista.
DEFENDAMOS O NOSO. POLO FUTURO DE MONTE PENIDE / MONTE MIRALLO