O BNG de Redondela, en defensa do Ensino Público

O BNG de Redondela, en defensa do Ensino Público

A Asemblea Local apoia a convocatoria de Folga da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, para o xoves 24 de outubro.

Ensinantes, nais e pais, alumnado, pero tamén o conxunto dos veciños e veciñas de Redondela, están chamados á Folga. En Redondela afecta direitamente a catorce centros de ensino público, tanto de Educación Infantil, Primaria, Secundaria e Conservatorio de Música. Trátase dunha convocatoria impulsada xa dende hai varias semanas pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, da que forma parte o BNG.

Tras varios intentos para chegar a un acordo de convocatoria unitaria, organizacións sindicais de corte estatal como CC.OO e UXT, volveron a seguir as directrices marcadas dende Madrid. A Plataforma realiza unha convocatoria, que ademáis de estar en contra da LOMCE, pón o acento na agresión ao ensino público en galego.

Trátase dunha Lei que imporá un modelo económicosocial defendido pola  dereita máis reaccionaria encarnada no Partido Popular. Trátase dunha Lei antigalega, segregadora, antidemocrática, privatizadora, clasista e antipedagóxica.

O que impón a Lei Wert é a volta a un pasado educativo caduco. Baixo a xustificación da superación do “fracaso escolar”, preténdese que sexa o goberno central quen impoña o modelo educativo. Agrédese frontalmente a un ensino onde a presenza do galego foi minguando paulatinamente nos últimos anos, principalmente coa Xunta de Feijoó.

As famosas reválidas, non son máis que instrumentos para segregar a cada vez máis estudantado. Priorízanse os concertos educativos frente ao ensino público. A relixión volve ter peso específico na media académica.

Trátase dunha Lei que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. A dirección dos centros será elixida pola administración direitamente. Pretende crear centros de diferentes categorías, atendéndoos con máis ou menos recursos en función de rendementos.

Por tratarse dunha agresión brutal ao sistema público educativo galego, a  Asemblea Local do BNG apoia de xeito decidido a convocatoria de Folga, e anima a todos os e as redondeláns a sumarse á mesma, participando na manifestación que sairá ás 11.30h. dende a Praza dos Cabalos (Praza de España)

1377021_554129411322772_845876946_n

O BNG de Redondela, en defensa do Ensino Público