Javier Bas volve incumplir un acordo plenario, para non destituír á concelleira de ensino''
No Pleno de maio, aprobouse o cese da concelleira, despois da mala xestión nas subvencións ás AMPAs.
No Pleno do mes de maio, debatéronse dúas mocións que tiñan a ver co retraso nas subvencións das AMPAs do concello de Redondela. Nunha delas, consensuada polos grupos da oposición, demandábase que se axilizaran os trámites para cobrar as axudas do curso 14/15. Dende o BNG, e ante o novo episodio da mala xestión da concelleira, presentamos unha moción para que o alcalde de Redondela, cesara nas súas funcións a Teresa París, recorda Xoán Carlos González.
O acordo defendido polo concelleiro do BNG, contou co apoio de AER e do PSOE. Para o concelleiro nacionalista, no propio debate, a voceira do equipo de goberno, defendeu á concelleira de ensino, sen moitos argumentos e escaso compromiso.
Para o concelleiro do BNG, autor da proposta o incumprimento do acordo plenario por parte de Javier Bas, obedece única e exclusivamente a intereses partidistas. Afirma que existen tensións no seo do goberno e que o alcalde pretende calar os problemas internos sen mover ficha, apunta.
A orixe de todo o problema, recae nunha persoa. As AMPAs, desenvolven un traballo moi importante ao longo de todo o ano, e Teresa París estivo xogando con elas todos estes meses. Acudir aos grupos da oposición foi a última medida que tomaron as asociacións, afirma Xoán Carlos González.
A decisión de incumplir o mandato plenario, de xeito unilateral, obedece a manter os equilibrios no seo de goberno. Mirar para outro lado e deixar pasar o tempo. Así podería valorarse a actitude de Javier Bas, remata na súa nota o concelleiro nacionalista.