Moción de apoio ao pobo Saharaui

Moción de apoio ao pobo Saharaui

O pasado 27 de febreiro celebrouse o 37º aniversario da proclamación da República Árabe Saharauí Democrática. Non obstante, nestes case corenta anos, nin a comunidade internacional a través das Nacións Unidas, nin o Estado español como responsábel do proceso de descolonización do Sáhara Occidental, foron quen de garantir o respecto do dereito internacional e o cumprimento das resolucións das Nacións Unidas que recoñecen o dereito de autodeterminación do pobo saharauí.

Hoxe, os territorios do Sáhara Occidental, repartidos en primeira instancia e co beneplácito e complicidade do Goberno español, en 1975, entre Marrocos e Mauritania, continúan ocupados de maneira ilegal polo Estado de Marrocos, unha ocupación non recoñecida por supor unha vulneración flagrante do dereito internacional. Neses territorios ocupados, miles de saharauís sofren habitualmente a represión e a violación dos dereitos humanos por parte das autoridades marroquís, o que implicou declaracións de condena e de rexeitamento en ámbitos como as Nacións Unidas ou o Parlamento europeo.

Outra parte da poboación saharauí, aproximadamente 150 000 persoas, vive refuxiada en condicións infrahumanas desde hai case corenta anos, no deserto alxeriano, un dos lugares máis inhóspitos e inhabitábeis do planeta, preto da cidade de Tinduf. E nos últimos anos, coa pretensión de dobregar o pobo saharauí, reduciuse de xeito alarmante a axuda humanitaria e o programa de alimentos, imprescindíbeis para a subsistencia dos refuxiados e refuxiadas.

En novembro de 2010, as forzas de ocupación marroquís disolveron violentamente o campamento de Gdeim Izik, nos arredores de El Aiún, organizado por máis de 20 000 saharauís para protestar polas condicións infrahumanas en que viven. Os militares marroquís causaron vítimas e persoas desaparecidas e procederon a deter e torturar 24 saharauís para obter declaracións de responsabilidade na morte de axentes marroquís nestes feitos. Xulgados por un tribunal militar, sen garantías pola falta de probas, foron condenados con penas de cadea perpetua para nove deles e  catorce con penas de entre 20 e 30 anos, o que significa un novo atentado contra o dereito de autodeterminación e as leis internacionais.

O pasado 7 de febreiro, o Parlamento europeo adoptou unha resolución manifestando a súa preocupación polo feito de se continuaren violando os dereitos humanos no Sáhara Occidental, pedindo protección aos dereitos fundamentais do pobo saharauí, incluída a liberdade de asociación, expresión e manifestación; exixindo a liberación das presas e presos políticos. Para alén diso,    o Parlamento europeo parabenizou o nomeamento dun enviado especial e subliñou a necesidade dun seguimento internacional. Finalmente, manifestou o seu apoio a unha solución xusta e duradeira ao conflito, baseada no dereito á autodeterminación do pobo saharauí, de acordo coas resolucións das Nacións Unidas.

Tamén, en todo este tempo, foron numerosas as mostras de solidariedade do pobo galego co pobo saharauí traducidas de xeito especial nos centos de familias que todos os veráns acollen cativos e cativas procedentes dos campos de refuxiados de Tinduf.

Por iso, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Redondela, a adopción do seguinte acordo:

1.       Manifestar o apoio do noso concello ao pobo saharauí, expresar a condena pola ocupación ilegal que fai Marrocos do territorio do Sáhara Occidental e reclamar a súa descolonización definitiva a través do exercicio do dereito á autodeterminación recoñecido polas Nacións Unidas. Así mesmo, condenar a represión e a violación dos dereitos humanos nos territorios ocupados do Sáhara Occidental por parte das autoridades marroquís, exixindo a liberdade de todas as presas e presos políticos, así como dos 24 saharauís condenados polos feitos de Gdeim Izik.

2.       Por parte do Goberno municipal:

a)       Estabelecer a irmandade cunha daira saharauí, dotando esta irmandade de contido político, cultural, económico, solidario…

 

b)      Cooperar directamente coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí apoiando as súas actividades (caravanas, vacacións en paz…)

3.       Reclamar ao goberno galego e ao goberno español a condena da ocupación ilegal por parte de Marrocos do territorio do Sáhara Occidental, o apoio explícito á celebración dun referendo de autodeterminación do pobo saharauí e a exixencia de que Marrocos cumpra as resolucións de Nacións Unidas.

4.       Reclamar do goberno español o recoñecemento oficial da República Árabe Saharauí Democrática e, así mesmo, o impulso no ámbito internacional do incremento da axuda humanitaria dirixida aos campos de refuxiados e refuxiadas de Tinduf.

Dar traslado destes acordos ao presidente da Xunta de Galiza, presidente do goberno español, ministro español de asuntos exteriores, portavoces dos grupos parlamentarios do Parlamento galego e do Congreso dos Deputados, representante da Unión Europea para asuntos exteriores e política de seguridade, embaixada de Marrocos no estado español, representante do Frente Polisario na Galiza e presidente de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí

Moción de apoio ao pobo Saharaui