O BNG de Redondela acusa ao alcalde, Javier Bas, de obstrucionista.
As novas normas, obstaculizan o traballo do Grupo Municipal.
O Grupo Municipal do BNG viuse sorprendido pola información transmitida polos traballadores e traballadoras de tesoureira, obstaculizando a nosa labor como partido de oposición. Ante a solicitude de que se lle facilitaran determinadas facturas, informóusenos que había novas normas en referencia a esta cuestión. As instrucións emanadas directamente dende alcaldía, referíanse a que todas as facturas para poder ser fotocopiadas deberíamos solicitalas por escrito ao alcalde.
Para o grupo municipal do BNG constitúe unha mostra do talante de Javier Bas, quen coincidindo con todo o proceso da moción de confianza, impón novas medidas que obstaculizan o normal labor dunha forza política.
Medidas irracionais.
Con estas novas normas de funcionamento, ademais de complicar o control do goberno por parte do BNG, burocratiza e carga de máis traballo aos empregad@s municipais.
Segundo a alcaldía, o representante do BNG tería que pedir por rexistro as copias que demanda. Este rexistro pasaría á alcaldía quen llo remitiría ao departamento correspondente. Dende tesoureira devolveríanllo á alcaldía, quen no mellor dos casos pode volver a remitir por correo dito material ao solicitante.
Unha medida que dende o BNG cualificamos de irracional e moito máis custosa para o concello, xa que uns poucos minutos bastarían para poder manexar dita información.
Trátase dun feito sen precedentes, no que se pretende facer desistir ao BNG de coñecer, controlar e fiscalizar o traballo do equipo de goberno. Agora vese perfectamente o talante do señor alcalde, afirmamos dende a organización nacionalista.
Para o Bloque Nacionalista Galego estas trabas non van ser obstáculo para que dende a nosa organización nacionalista se fiscalice ao equipo de Javier Bas.