O BNG de Redondela exprésase libremente por medio dos seus voceiros.
As declaracións de Xavier Balsas e Cecilia Pérez, valoran a situación en Redondela.
Respecto ás decisións e ás declaracións verquidas nas últimas semanas polas diferentes forzas políticas arredor dos orzamentos 2013, a moción de confianza e a posíbel moción de censura. Deste xeito tan democrático actuou o Bloque Nacionalista Galego.
Como se puido certificar finalmente, todo este proceso tiña unha folla de ruta marcada. Carece de toda lóxica negociar uns orzamentos durante meses, seren aceptadas a maioría das propostas polo goberno municipal, para finalmente dicirlles que non. Cómpre recordar que o PP única e exclusivamente negociou con AER, pois ao BNG entregoulles a proposta de orzamentos no mes de abril.
A organización nacionalista expresouse por medio do seu responsábel local, Xavier Balsas e da voceira do grupo municipal, Cecilia Pérez. Ambos os dous deixaron ben clara a postura do BNG en todo este proceso.
En primeiro lugar, que a presenza do Partido Popular no goberno de Redondela, constitúe unha circunstancia nociva para o conxunto de veciños e veciñas.
Que o BNG, como xa fixo na investidura no 2011, ía a propiciar a entrada dun goberno alternativo ao PP.
Balsas e Pérez Orxe manifestaron o que todo o mundo sabe: manter o apoio por activa ou por pasiva a Javier Bas, vai provocar un claro deterioro dos diferentes servizos prestados polo Concello.
Acordo tácito
Sempre existiu unha moi boa relación entre PP e AER. Os primeiros para facerlle as beiras, co obxectivo de manterse no poder. Os segundos, pensando que o seu voto de calidade vai ser decisivo para manter a Javier Bas e o seu equipo de goberno a raia.
A proposta de orzamentos, no canto de dar resposta ás demandas sociais e veciñais, constatan a falla de proxecto do PP para Redondela. Céntranse en manter a liña de traballar para reforzar a imaxe do alcalde, evitar problemas e sobreactuar cara á galería.
Estes orzamentos que se van a aprobar manteñen as políticas sociais en segundo plano, renuncian a inversións moi importantes para o concello, ademais de deteriorar os servizos públicos.
En todo caso a situación vivida no último mes, describen un panorama desolador. Un goberno municipal que pretende chulear á oposición. Uns orzamentos paralizados un mes máis, co que se mantiveron paralizada importantes axudas e subvencións a diferentes colectivos e asociacións. Para esta viaxe non facían falla tantas alforxas.
Oposición firme
O Bloque Nacionalista Galego vai continuar na súa liña de oposición firme a un goberno de dereitas. Seguiremos fiscalizando o seu traballo, a pesares de impoñer medidas obstrucionistas, co obxectivo de pórlle freo a un período involucionista iniciado hai dous anos.
O BNG segue tendendo a man ao diálogo permanente con outras organizacións políticas, para por enriba da mesa propostas en positivo para o conxunto da veciñanza, sempre en defensa dos seus lexítimos dereitos e intereses.