Para o BNG de Redondela, BAS só pensou en manterse como alcalde.
O retraso na contratación de socorristas e da brigada contraincendios, certifican esta actitude.
Con motivo da posibilidade de presentación dunha moción de censura, a falla de previsión e o retraso na planificación do goberno de Javier Bas, levou ao concello a un estancamento na súa xestión. A contratación de socorristas para as praias e dunha brigada para a prevención e extinción de lumes, son só algúns dos exemplos desta deriva do goberno.
Cumprida xa a primeira semana de xullo, e ante a afluencia de numerosos bañistas ás praias de Redondela, aínda non se rematou co proceso de selección de socorristas. Esta actitude foi criticada na comisión de procesos selectivos pola voceira nacionalista, Cecilia Pérez. Trátase dun procedemento que se realiza todos os anos, e a pesares de depender dunha subvención da Xunta, existe partida orzamentaria para prestar un servizo de obrigado cumprimento. O persoal debería estar en activo dende mediados de xuño.
Na mesma liña se manifestou o concelleiro, Xoán Carlos González, ao presentárselles ás distintas forzas políticas, o convenio asinado coa consellaría de Medio Rural e do Mar, para a dotación dunha brigada contraincendios.
Constátase o que xa temos denunciado en diversas ocasións dende a nosa organización: a improvisación e a falla de proxecto levan a que se enfronte a actividade diaria sen criterio ningún.
Esta falla de proxecto que se traduce nun deterioro na xestión municipal agravouse con motivo da presentación dos orzamentos, a cuestión de confianza e a posibilidade de presentar unha moción de censura.
Dende o Bloque Nacionalista Galego denunciamos que o alcalde actuou nas últimas semanas, co único interese de manterse ao fronte da corporación. Valoramos negativamente e mesmo neglixente o labor do equipo de goberno, pois estase a falar da falla de previsión na seguridade de veciños e veciñas tanto nos areais coma nos montes do concello.