Moción do BNG de apoio á pesca do Xeito

Moción do BNG de apoio á pesca do Xeito

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Magrama ven de publicar a Orde AAA/1512/2014, de 30 de xullo, pola que se establece  un Plan de xestión para a sardiña (Sardina pilchardus) das augas ibéricas dentro das divisións CIEM VIIIc e IXa e que modifica a Orde AAA/1370/213, de 1 de xullo pola que se establece un Plan de xestión para buques dos censos do Caladoiro Nacional do Cantábrico e Noroeste.

Conforme a esta Orde, as administracións portuguesa e española veñen de establecer o peche da pesqueira co argumento de que en base á información dispoñible xa se teñen esgotado as capturas acordadas por parte dos dous estados. Polo tanto queda pechada a pesqueira da sardiña a partir das 0:00 horas do día 20 de setembro de 2014.

O goberno español pechou a pesca da sardiña,sen ter en conta o tipo de flota que se adica a esta pesqueira, non fixo ningunha distinción entre cerco, racú ou xeito. Ademáis non tivo en conta as propostas que dende o BNG e o propio sector se lle propuxeron como eran: reducción de cotas de pesca e de días de faena. Todo antes de pechar, pois xa chove sobre mollado( peche da xarda, xurelo, pescada…)

Esta medida trae graves repercusións para unhas artes tradicionais que teñen unha moi pequena incidencia sobre o cómputo total do tac, abondaría con dicir que o total de embarcacións do xeito de Galiza( 427) pescan ao longo do ano o equivalente a 2 barcos de cerco. Con esta prohibición os barcos de xeito ou racú ven como se lle prohibe a posibilidade de poder pescar sardiña, como o viñan facendo de maneira inmemorial.

Aféctalle esta medida a pequenas embarcacións que teñen no seu permex estas artes, e que no noso concello  son 4 racús e 40 xeiteiros.

Logo deste peche e despois das protestas do sector, o goberno español presenta un proxecto de axudas para a flota afectada , proxecto do que curiosamente exclúe as embarcacións de racú e xeito, que ven asi como non poden optar a unha axuda económica e tampouco poden traballar.

A maiores, ven de elaborarse en Bruxelas unha proposta de regulamento polo que se prohibe a pesca con redes de deriva e entre as súas recomendacións establece a prohibición de utilizar calquera tipo de rede de deriva a partir do 1 de xaneiro de 2015, no que se inclúe o arte do xeito.

Por estas razóns o GM do Bloque Nacionalista Galego somete á consideración do pleno  do Concello de Redondela a adopción dos seguintes acordos:

1-O Concello de Redondela apoia as xustas demandas do sector do xeito do noso concello, asi como as movilizacións que organice o sector.

2-O Concello de Redondela insta á Xunta de Galiza a reclamar do Goberno Central a retirada do actual proxecto de orde de Axudas para a flota afectada polo peche da pesca da sardiña, no caladoiro do Cantábrico-Noroeste, e que elabore un novo proxecto no que se inclúan axudas para a flota afectada polo peche como son cerco, racú e xeito.

3-O Concello de Redondela insta á Xunta  de Galiza a reclamar do Goberno Central a exclusión da arte do xeito e do racú da prohibición de poder pescar sardiña, e diante da UE a modificación da proposta de prohibición de artes de deriva, para que quede excluída o arte  tradicional do xeito”.

REDONDELA 16 DE OUTUBRO DE 2014

ASDO: CECILIA PÉREZ ORGE

 

Moción do BNG de apoio á pesca do Xeito