O BNG en apoio ao estudantado redondelá.
O estudantado de secundaria dos institutos do concello de Redondela estaban convocados para unha manifestación o xoves 23, a media mañá. O motivo: a aplicación da LOMCE, unha lei educativa creada, non polo PP, senón pola dereita máis rancia e regresiva. No camiño de impoñer a súa ideoloxía e o seu modelo social, sabe que empezar polo sistema educativo constitúe peza chave.
A LOMCE, cando aínda se trataba dun anteproxecto, combateuse por parte de toda a comunidade educativa. Unha lei antigalega, profundamente antidemocrática, que afonda nas desigualdades, en contra do sistema público educativo. A xente nova, o estudantado, deuse conta inmediatamente de que cumpría unha mobilización contina na defensa do sistema público educativo.
Non se anda con bromas o Partido Popular nesta cuestión. Un dos seus obxectivos prioritarios consiste en poñer toda a maquinaria da que dispón, para disuadir a resposta social na rúa. As vellas formas cos novos medios.
A presenza dun destacado número de efectivos da Policía Nacional, que impediron a saída da manifestación, converteuse en todo un exemplo da prepotencia coa que actúa o PP en todos os seus escalafóns.
Dende o BNG consideramos impropio dun denominado sistema democrático, a prohibición da saída da manifestación. Impedir a libre expresión do rexeitamento á LOMCE, constitúe unha mostra de tempos pretéritos.
O BNG apoia ás xustas demandas do alumnado de secundaria, e a convocatoria de ARDE. Cómpre deter o intento do PP por calar a unha parte da sociedade. Cómpre deter a LOMCE.