O BNG puxo os servizos sociais en primeira liña da acción do goberno municipal.
Consideramos que as afirmacións de Teresa París son froito do descoñecemento da realidade social de Redondela.
O concelleiro nacionalista afirma que as declaracións feitas pola responsábel de servizos sociais sobre a situación desta área no anterior mandato, son froito do seu descoñecemento da realidade social redondelá. Recordamos que foi por iniciativa da forza nacionalista, cando se dotou a unidade de servizos sociais en Chapela. Sen grandes estridencias nin a parafernalia, marca do goberno de Javier Bas, púxose en marcha un servizo de primeira necesidade e moi demandado pola veciñanza.
Destacamos o valor engadido de botar a andar esta unidade, ao rehabilitar os baixos do pavillón de Chapela con fondos propios do Concello.
Continúa nas súas declaracións Xoán Carlos González afirmando que se conseguiu unha atención directa e máis proxima da administración local cos veciños e veciñas. Destacamos que unicamente a presenza do BNG no goberno municipal de Redondela, garantiu que esta unidade de servizos sociais fose unha realidade.
En canto á dotación de educadora social para a unidade de Chapela, a anterior responsábel, Rosa Costas, iniciou todo o procedemento administrativo para que se recollera na relación de postos de traballo.
A cada paso que dá, constátase que para o goberno de Javier Bas, os servizos sociais non son máis que unha concesión. Para o BNG son un dereito dos veciños e veciñas. Exemplificamos esta tendencia do goberno municipal nas axudas dos comedores escolares, onde de seren un complemento para a conciliación da vida laboral e familiar, convérteos en axudas sociais.
Continúa aclarando que un dos fitos de maior relevancia constituíno que, coa acción política do BNG, "as profesionais de servizos sociais traballaran de xeito coordinado, redundando nunha atención de calidade cos usuarios e usuarias.
A situación dende o punto de vista social, está moi complicada. O goberno de Javier Bas, non está á altura. Centra máis a súa acción nos anuncios e a parafernalia, que nun compromiso real cos problemas dos veciños e veciñas, conclúe o noso concelleiro.