O BNG de Redondela alega contra a concesión dun maior caudal de auga a AUCOSA.
No BOP do 21 de Agosto de 2014 publicouse anuncio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Augas de Galicia, polo cal se somete a información pública a solicitude presentada por Auxiliar Conservera SA para unha modificación consistente no aumento de caudal, da auga procedente dun pozo no lugar de Cabanas, Trasmañó, con destino a usos industriais.
Desde o BNG non podemos consentir que á veciñanza de Chapela e Trasmañó se lle siga tomando o pelo, consentindo a presenza dunha empresa que emite diariamente uns olores altamente desagradábeis, así como contamina a ría, cando xa está anulada de xeito inapelábel a Autorización Ambiental Integrada.
Pero a situación é aínda máis grave, xa que a empresa, coa complicidade da Xunta, non só non ten intención de marchar, senón que pretende aumentar a súa produción, o cal produciría maior contaminación e maiores emisións de olores.
Por todo isto, o BNG presentou unha alegación en tempo e forma, solicitando a Augas De Galicia que non lle conceda a AUCOSA o uso dun maior caudal de auga.
Achegamos, en documento adxunto, copia da alegación presentada ante a Administración.
Xavier Balsas, responsábel local do BNG de Redondela.