Daniel Rodas: Soamente a mobilización do sector pode parar á Unión Europea.
O deputado do BNG participou na concentración na Lonxa de Cesantes en apoio ás demandas da flota do xeito e racú.
No acto desenvolvido o xoves 16 en Cesantes, xunto ao deputado nacionalista, estiveron un grupo de militantes do BNG, encabezados pola voceira local, Cecilia Pérez e o responsábel, Xavier Balsas. Algo máis dun cento de persoas, estiveron presentes na convocatoria, onde se despregou unha faixa en contra das políticas de pesca da Unión Europea.
O presidente da Confraría, Clemente Bastos, foi o encargado de ler un comunicado onde se defendía a arte do xeito e do racú, como artes de pesca tradicionais. Afirmou que este tipo de arte de arrastre, teñen unha escasa incidencia no medio mariño.
En declaracións posteriores á concentración o deputado nacionalista, Daniel Rodas, apostou por unha mobilización do sector para deter a iniciativa da Unión Europea. Descoñecen o que supón esta arte na pesca galega, posto que se converte nun apoio económico para moitos mariñeiros e mariñeiras.
Nas súas declaracións deixou patente a inactividade do goberno galego que abandona á súa sorte aos mariñeiros de baixura. Tivo que ser outra volta o BNG quen propuxera iniciativas para que se nos tivera en conta na UE. Referíase á proposición aprobada por unanimidade na Comisión de Pesca do Parlamento Galego, na que se instaba ao goberno do estado a retirar a Orde na que se incluía a arte do xeito, ou que a Xunta desenvolvera todas as súas competencias en augas interiores.
Pola súa banda, a eurodeputada Ana Miranda, quen días antes mantivera un encontro con mariñeiros en Redondela, continuou o seu labor ante representantes políticos europeos. Desvelou que ao longo do 2013 o goberno galego non presentou ningunha alegación ante a Comisión Europea. Unha vez máis a Consellaría deixa á deriva á flota galega, pretendendo acalar ao sector con subvencións, afirmou.
Pola súa banda, na concentración na Lonxa de Cesantes, Cecilia Pérez, como voceira do BNG confirmou que a súa organización ía manter o compromiso adquirido cos mariñeiros, presentando unha moción ao Pleno da Corporación de Redondela. Nesta moción preténdese un posicionamento de todos os grupos en defensa dunha arte que afecta a máis de corenta embarcacións de Cesantes. Teñen todo o dereito do mundo a sentirse apoiados e respaldados polos grupos municipais.