A defensa do sector pesqueiro, prioridade para o BNG.

A pesca morre. PP cómplices.
A defensa do sector pesqueiro, prioridade para o BNG.

Novamente un sector fundamental da economía galega, o pesqueiro, volve ser agredido polas políticas emanadas da Unión Europea. A pretensión da eliminación das artes do xeito e do racú, constitúen unha nova agresión á pesca tradicional.

Mais nesta dinámica de desmantelamento, existe un cómplice que cala: a Xunta de Galiza. Lonxe de exercer realmente como o que é, o goberno galego, a súa única saída é a de mirar para outro lado. A propia conselleira, Rosa Quintana chegou a afirmar que non informaran da situación “para non alarmar ao sector”.

Unhas corenta embarcacións de Redondela vense afectadas pola normativa comunitaria. O BNG de Redondela púxose a traballar para poñer en primeira liña a problemática destes traballadores do mar. Ante a falla de información dende os organismos oficiais, convocóuselles nun encontro coa eurodeputada, Ana Miranda, o deputado, Dani Rodas, e a voceira municipal, Cecilia Pérez.

Nesta xuntanza evidenciouse a vergoñenta actuación da conselleira do mar Rosa Quintana, quen ademais de facer deixación de funcións, ten ameazado ao sector coas axudas que se están a tramitar. Grazas ao traballo de eurodeputada do BNG, desvelouse que en ningún momento o goberno de Feijoó presentou ningún tipo de alegación.

Ana Miranda e Dani Rodas informaron aos mariñeiros que participaron nesta cita, tanto dos aspectos básicos da normativa comunitaria, como das posíbeis actuacións a desenvolver. Acordouse, coa voceira municipal, presentar unha moción para o seu debate no Pleno de outubro.

Pola súa banda, a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou unha iniciativa parlamentar, en defensa do sector.

Como sucedeu noutras vilas cuxas embarcacións vense afectadas por esta nova agresión da Unión Europea, o BNG desenvolve actuacións en defensa do sector. Tal como fixo no mes de marzo, presentando varias iniciativas en defensa da cota da xarda.

En Redondela, un dos concellos afectados polas restricións comunitarias, a organización nacionalista tamén tomou a iniciativa. Ademais de manter unha xuntanza con mariñeiros, mantivo o seu compromiso de presentar unha moción ao Pleno do Concello. O conxunto de veciños e veciñas de Redondela deben coñecer a situación da frota artesanal e, así mesmo, os partidos políticos con representación municipal, deben posicionarse.

Un novo exemplo, de que só con visión de País pódese actuar realmente con eficacia. É fundamental para Galiza, e para Redondela, a presenza do nacionalismo en todos os estamentos nos que se tomen decisións que afectan a todos os galegos e galegas.

 

A pesca morre. PP cómplices.

A defensa do sector pesqueiro, prioridade para o BNG.