O BNG continúa a súa batalla en contra da ampliación da Autoestrada.
Imos esgotar todas as vías das que dispoñamos para impedir que se materialice esta desfeita en Chapela, afirma o responsábel local Xavier Balsas.
Por encargo do Consello Local, a deputada do BNG Olaia Fernández Davila, presentou unha batería de preguntas no Congreso dos Deputados. Trátase dun novo recurso en contra das pretensións da Ministra Ana Pastor de ampliar Rande.
Segundo Balsas,priman os intereses da parroquia, e móvennos a defensa dos veciños e veciña afectadas, por iso decidimos levar adiante esta iniciativa. Coñecido o informe que dende a Xunta de Galiza se elaborou, no que se recoñecía a inutilidade da obra, o BNG, acordou coordinadamente manter esta problemática en primeira liña da súa acción política.
Existe o temor, por parte da nosa organización, de que o informe da Consellaría non sexa máis que unha manobra, para eludir responsabilidades. O PP tennos acostumados a tentar manipular aos veciños e veciñas. Como non se trata dunha competencia da Xunta, o informe non é vinculante, afirma o responsábel local.
Na iniciativa da deputada do BNG recollíanse unha xeira de preguntas presentadas ante a Comisión de Infraestruturas do Congreso. Entre outras, recollíase que se tivera en conta o informe da Dirección Xeral de Infraestruturas da Xunta de Galiza, nos que se contemplaba a ineficacia da obra. Por tal motivo a deputada, instaba ao goberno do estado a que realizara un novo prantexamento.
Na súa exposición de motivos, e nas cuestións prantexadas, salientea Olaia Fernández, o importante impacto social que a ampliación vai carrexar. A resposta social, a mobilización, e rexeitamento de grupos políticos, como o BNG, levan á conclusión, da paralización do Proxecto.
Na súa nota, Xavier Balsas confirma que a organización nacionalista vai seguir traballando para impedir a ampliación da Ponte de Rande, e da AP-9 en Chapela.