Moción do BNG de Redondela en apoio á Frota de Cerco e Artes Menores.

A Unión Europea e o estdao español arruínan a nosa Frota.
Moción do BNG de Redondela en apoio á Frota de Cerco e Artes Menores.

O Grupo Municipal  do Bloque Nacionalista Galego (BNG) presenta a seguinte Moción  de apoio as reclamacións trasladadas por parte da Asemblea do cerco celebrada en Portosín, relativas a rexeitar o preacordo de reparto das cotas de xurelo e xarda e iniciar unha nova negociación con base en criterios equitativos.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Máis unha vez, a Unión Europea, a través do Consello de Ministros de Pesca -sempre co entusiasta voto favorábel do Goberno español e a conivencia da Xunta de Galiza- volvía fixar uns Topes Autorizados de Captura (TAC) claramente discriminatorios para a frota pesqueira galega. Esta decisión, non fundamentada cientificamente, pretende primar os intereses económicos e comerciais doutros estados fronte ás necesidades do sector pesqueiro galego, claramente prexudicado en todo este proceso. Trátase de regras de xogo da UE incompatíbeis coa existencia e o futuro do noso país en materia pesqueira.

O problema non é que non haxa peixe no noso litoral: haino, e ben abundante. O conflito xorde cando se lles impide pescar aos galegos e si se lles permite a outras frotas. É, en definitiva, un problema político, que precisa de solucións políticas.

Nese contexto, en decembro do ano 2013, os representantes da Xunta de Galiza xunto cos representantes do sector pesqueiro galego negociaban en Madrid o reparto de cotas no Cantábrico noroeste; entre elas, estaban especies estratéxicas para a frota do cerco  e de artes menores como a xarda e o xurelo.

No reparto que estabelece a UE do TAC da xarda,  correspóndenlle ao Estado español 29.019 toneladas para o 2014, das cales hai que descontarlle unhas 7.000 toneladas que é a sanción que esta lle impón a toda a frota por se exceder nas capturas asignadas nos anos 2009 e 2010.

No caso do xurelo correspondeulle ao Estado español un total de 16.592 toneladas, o que supón un 26% menos das que se recibiron o ano pasado de 22.409 toneladas (“marabillosa negociación”, por certo, para o Goberno galego e o ministro Arias Cañete, pois -afirmaban- é mellor reducir un 26% que un 40%),  mentres que aos vascos se lles manteñen as capturas na zona Ciem VIIIb (Golfo de Bizkaia) e  son compensados coa subida do verdel (estornino ou xarda veteada), un 30%, saíndo, máis unha vez, claramente beneficiados.

Na negociación do reparto por parte do Estado español xulgábase que a intención  era eliminar o modelo dos últimos anos, que obrigaba a terse que desprazar a frota galega a Cantabria ou ao País Vasco se querían pescar algo, pois en poucos días, esgotábase a cota. Cómpre trocar este modelo discriminatorio por outro  máis acorde coa realidade galega, que lle permita á embarcación ter dereito a un total de capturas e poder pescalo cando e onde o considerar.

Na negociación que se levou a cabo impúxose o modelo vasco, que contou coa colaboración do Goberno español e a inhibición do Goberno galego; isto é, que as capturas históricas tivesen o maior peso posíbel no reparto, comezando nun 90-10 e admitindo un preacordo onde as capturas históricas lle correspondía o 70%, e outros factores, como número de tripulantes, GT's, etc., unicamente alcanzaban o 30%.

Con este reparto a frota galega, que ten 154 barcos de cerco ( 20 no noso concello), correspóndelle o 24,5% das cotas de xarda, mentres que a vasca, con 53 embarcacións, consegue un 50% do total das capturas. Este criterio de reparto realizouse interesadamente a partir das capturas históricas, computándose nestas as realizadas entre os anos 2002 e o 2011. Nestes anos a pesca en Galiza estivo regulada mediante topes, non así o doutras comunidades costeiras  e coincidindo ademais cos anos onde houbo un exceso de capturas (2009 e 2010), con sanción da UE. Para alén disto, o modelo destes últimos anos xa viña prexudicando gravemente a frota galega, dado que o reparto era global e cando a xarda chegaba ás nosas augas, a cota estaba esgotada impedíndosenos pescala.

A maiores temos que lembrar que historicamente a frota vasca non pescaba esta especie. Comezou a pescala a raíz de se ter esgotado a pescaría do bocareu. No actual preacordo de reparto en función das últimas capturas históricas non se prima a quen tivo regulada as súa actividade, nin a quen pescou menos, nin a quen non se excedeu das capturas: prímase a quen se incorporou tardiamente a esta pescaría, a quen non a tivo regulada e, sobre todo, recoñéceselle como captura histórica a quen pescou de máis.

O Estado español é cúmplice, mentres o Goberno galego cala, admitindo uns criterios discriminatorios, ao igual que a Unión Europea, esquecéndose dos argumentos de boa xestión pesqueira, e permitindo  uns criterios máis políticos que sociais, abocando a frota galega á miseria.

Unha vez que o sector foi consciente do prexuízo que se está a causar con este preacordo, decidíu amarrar a frota e tomar medidas para impedir esta negociación discriminatoria, pois entende que con este modelo o sector non ten futuro. A única saída a esta situación é que o Goberno español anule este preacordo e que se inicie unha nova negociación onde os criterios sexan obxectivos, isto é: debe existir un reparto lineal proporcional ao número de embarcacións, onde se prime  o número de tripulantes e os criterios de responsabilidade.

Por iso, o BNG solicita do Pleno da Corporación Municipal de Redondela  a adopción do seguinte

ACORDO

  1. Manifestar o apoio deste concello a frota do cerco e de artes menores que reclaman un reparto xusto das cotas da xarda e do xurelo.
  2. Reclamar o cambio profundo da Política Común de Pesca da UE, e a derrogación do Principio de Estabilidade Relativa, que consagra a discriminación estrutural da frota pesqueira galega.
  3.  Reivindicar o exercicio pleno das competencias galegas sobre as nosas augas, eliminando as cotas de pesca fixadas desde Bruxelas no noso propio litoral.
  4. Trasladar este acordo ao presidente da Xunta de Galiza, ao presidente do Goberno español, aos grupos parlamentares do Parlamento de Galiza e do Congreso dos Deputados, e deputadas e deputados galegos no Parlamento europeo.

REDONDELA 20 DE MARZO DE 2014

ASDO: CECILIA PÉREZ ORGE

A Unión Europea e o estdao español arruínan a nosa Frota.

Moción do BNG de Redondela en apoio á Frota de Cerco e Artes Menores.